Deputación de Lugo

A Deputación expón o plan Lug02 como fórmula de éxito para o desenvolvemento sostible da provincia no ciclo Luis Asorey

O director de Fondos Europeos, Pablo Rivera, explicou no congreso as directrices deste programa financiado nun 80% pola Unión Europea e dotado con 11,5 millóns de euros, entre a primeira fase, xa rematada, e a segunda, que se atopa en marcha A plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com; as marcas LugoSabe e Lugo02; e a realización de auditorías nos Concellos para aforrar custes na factura enerxética son algunhas das accións do Lug02 para impulsar a economía lucenseO décimo aniversario da Reserva Terras do Miño centra este ano o Ciclo de Conferencias Luis Asorey, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, coa colaboración da Deputación e da USC. As xornadas rematan mañá

O director do departamento de Fondos Europeos da Deputación, Pablo Rivera, participou este martes no 23º Ciclo de Conferencias Luis Asorey ofrecendo unha conferencia na que expuxo o programa Lug02 do organismo provincial como fórmula de éxito para garantir un desenvolvemento sostible da provincia de Lugo, así como a protección do medio ambiente. Rivera explicou no congreso os obxectivos e directrices deste proxecto, financiado nun 80% pola Unión Europea e dotado con 11,5 millóns de euros, entre os 5 da primeira fase, e os 6,5 da segunda, que se atopa en marcha na actualidade despois de que a UE renovara a confianza nesta iniciativa da Deputación de Lugo.

A posta en marcha da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da que forman parte medio cento de empresas lucenses; a creación das marcas LugoSabe e Lug02, que locen xa 57 firmas alimentarias e turísticas; o navigador xeográfico www.delugo.es; o programa medioambiental de rutas Km0, que conta con 250 empresas colaboradoras; ou a realización de auditorías en 37 Concellos da provincia para aforrar na factura enerxética son algunhas das accións desenvolvidas pola Deputación no marco do Lug02 co fin de impulsar a economía lucense. Grazas a este programa creáronse xa 420 empregos directos e indirectos; ademais de manterse outros 3.000 coas rutas de Km0; e prestouse apoio e orientación para crear 5 empresas. Se ben o ámbito de actuación da primeira fase do Lug02 eran as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares, ademais da comarca do Courel; na segunda fase, que se está a levar a cabo, o territorio beneficiado abarca tódolos Concellos da provincia, excepto o de Lugo, por contar con iniciativas semellantes.

A conferencia do director de Fondos Europeos da Deputación, que impartiu baixo o título “Os Fondos europeos como instrumento da Deputación de Lugo para o desenvolvemento sostible e a protección do medio ambiente”, enmárcase nun ciclo organizado no Salón de Actos de San Marcos pola Real Academia Galega de Ciencias, en colaboración coa Deputación e a USC. O décimo aniversario da declaración de Terras do Miño como Reserva da Biosfera centra esta 23ª edición as xornadas, que rematan mañá.