Deputación de Lugo

Méndez e Polín despiden ás ximnastas do Clube 'Violeta' antes de partir ó Campionato de España no que representarán a Galicia

A Vicepresidenta Segunda e a Deputada de Deseño e Artesanía recibiron esta mañá ás integrantes do equipo de ximnasia rítmica que participarán no campionato nacional por equipos de Zaragoza Este clube traballa cunhas 40 rapazas no seu centro de traballo en Baamonde e nas escolas municipais de deportes de Vilalba, Outeiro de Rei, Begonte e Rábade

O Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, recibiu nas dependencias do Pazo de San Marcos ás integrantes do Clube de Ximnasia Rítmica Violeta, agrupación lucense que participa esta fin de semana no Campionato Nacional da modalidade por equipos, que se celebra en Zaragoza e no que estas seis rapazas lucenses representarán á Comunidade Galega.

Acompañadas por Ana Iglesias, unha das tres adestradoras que traballan a cotío con elas, as integrantes desta selección que tomarán parte no Campionato puideron compartir as súas impresións. Con algúns nervios propios da responsabilidade de ter sido seleccionadas para representar a Galicia nesta competición, explicaron que conseguiran esta praza na competición tras ir encadeando triunfos en diferentes competicións galegas, entre elas, o campionato en categoría escolar e os campionatos de promoción e de base, nos que conseguiron a segunda e terceira posición, respectivamente.

Méndez e Polín aproveitaron o encontro para felicitar a estas seis rapazas de entre 14 e 15 anos, procedente dos Concellos de Lugo (2), Outeiro de Rei (1) e Guitiriz (3), e desexárlles moita sorte, tanto a elas coma á súa adestradora. Pola súa banda, Ana Iglesias agradeceu, en nome do Clube, á Deputación a disposición para colaborar que amosa sempre a institución provincial.

O clube Violeta de ximnasia rítmica fundouse hai vinte anos e, tras preto de oito anos de parón, retomou a súa actividade con forza o pasado ano. Neste breve espazo de tempo, o traballo das tres adestradoras responsables conseguiu reunir en torno a este clube con sede en Baamonde a un total de 40 nenas de idades comprendidas entre os 5 e os 20 anos, aproximadamente, que se preparan para destacar nesta difícil disciplina deportiva. Ademais, tamén son colaboradoras habituais das Escolas deportivas municipais de Vilalba, Outeiro de Rei, Begonte e Rábade.

Este sábado terán a oportunidade de amosar a súa calidade na competición que as enfrontará a outros 60 equipos procedentes de toda a xeografía española representando a Galicia. As probas, nas que terán que empregar dúas cintas e tres pelotas como elementos obrigatorios, desenvolveranse no Pavillón Siglo XXI de Zaragoza.