Deputación de Lugo

A Deputación garante o remate das melloras na estrada de Riotorto ó Marco de Álvare

Imaxe deputación de lugo
Faino porque ten a súa disposición o millón de euros que custan estes traballos, ademais da totalidade dos terreos expropiados, cuestións imprescindibles que lle permiten reanudar as obras paralizadas, de xeito temporal, debido ós problemas económicos da adxudicataria Unha vez comunicada a situación financeira oficial da empresa afectada, a Deputación continuará con estas actuacións, “obxecto de múltiples promesas incumpridas polo Partido Popular lugués, e que a Xunta mantivo bloqueadas durante case dous anos”Martínez destaca que “a diferencia do que fixo o PP”, este Goberno Provincial expropiou case 200 fincas, iniciando estas melloras, nas que inviste case 1,5 millóns de euros, “que son unha prioridade porque esta vía rexistra 3.000 usuarios e é o principal acceso á N-640”

A Deputación garante o remate das obras de mellora na CP 5501, das Rodrigas ó Marco de Álvare, paralizadas de xeito temporal debido ós problemas económicos que padece a empresa adxudicataria e que lle imposibilitan finalizar estes traballos. O organismo provincial está a estudar as posibles vías de actuación para reanudar, coa máxima axilidade, as obras. A institución manexa dúas posibilidades: no caso de que o contratista se declare en suspensión de pagos, farase unha cesión do contrato a favor doutra empresa; en caso contratario, resolverase o contrato, licitaranse os traballos no punto no que se atopan e adxudicaranse de novo. Unha vez que o actual contratista, ou ben o Xulgado, comunique de xeito oficial a situación financeira na que se atope, a Deputación resolverá este proceso para, de xeito inmediato, reanudar as obras. Isto é posible porque a institución luguesa ten a súa plena disposición o orzamento necesario para facelo -1millón de euros-, así como os terreos expropiados –case 200 fincas polas que xa se aboaron 400.000 euros-.

Con estas dúas imprescindibles cuestións (presuposto e terreos) para a execución legal de calquera obra, a Deputación garante a realización duns traballos que veñen demandando os veciños da zona dende hai máis de 20 anos, “e que foron obxecto de múltiples promesas incumpridas polo Goberno Provincial do Partido Popular, ó tempo que tamén sufriron bloqueos pola Xunta de Galicia do PP”, salientou o Deputado de Xestión Territorial.

Manuel Martínez lembrou que cando os populares estiveron á fronte do organismo provincial incluíron estas obras no coñecido como o Plan dos 50 millóns de euros, que nunca se executou porque o PP nin realizou as previas expropiacións nin tampouco contaba con orzamento para facelo. “Mentíronlles e séguenlles a mentir ós veciños só por intereses persoais”, remarcou o Deputado.

“Diferentes formas de traballar”

En setembro de 2010, “co actual Executivo lugués e a diferencia do acontecido ata entón”, a Deputación expropiou o 70% dos terreos necesarios e remitiu ó Xurado de Expropiacións a documentación necesaria para que este departamento, dependente da Consellería de Infraestruturas, dictaminara o xustiprezo do 30% das fincas restantes. “A Xunta tardou case dous anos en resolver este proceso, bloqueando a execución das obras”, subliñou Martínez.

Tal e como recolle a Lei, culminadas as expropiacións a institución puido proseguir coas melloras na CP 5501, levando a cabo as primeiras escavacións e estudos do terreo para determinar a rasante, é dicir, a altura da vía. Foi durante estas avaliación cando a empresa adxudicataria tivo que paralizar os traballos debido a súa situación económica.

O Deputado reiterou que “agora, unha vez resolto este novo imprevisto, froito da crise que estamos a sufrir ante un Goberno galego que nada fai por esta provincia, remataremos as melloras nesta estrada provincial porque son unha das nosas prioridade. Estamos a falar dun vial que rexistra 3.000 usuarios, dende riotortense a veciños de núcleos da Pontenova ou Trabada, ó ser o principal acceso á N-640, que une esta zona da Mariña coa capital luguesa. Nós si que vamos a cumprir con Lugo”. Para elo, o organismo provincial concluirá co arranxo da CP 5501, dende o punto quilométrico 0,000 ó 5,800, nos que se eliminarán curvas, se mellorará o trazado con aglomerado en quente, se ensanchará o vial ata os 8 metros e se situará sinalización horizontal e vertical.