Deputación de Lugo

As rutas de Km0 desta semana confirman o atractivo turístico que ofrece a Mariña en calquera época do ano

Máis de 130 integrantes de asociacións de Xermade, A Fonsagrada e Lugo que participan esta semana no programa medioambiental da Deputación de Lugo escolleron diferentes recunchos da costa lucense coma destino Outras das rutas preferidas polos participantes no Km0 son as que os achegan ata os cañóns do Sil, coma a que levará esta fin de semana á Asociación Cultural Tobanca de Burela a percorrer Sober en catamarán

Máis de 130 dos 200 participantes no programa medioambiental Km0 da Deputación de Lugo organizadas para esta semana escolleron a Mariña coma destino das súas viaxes. Ó igual que ocorre nos meses de verán, os atractivos naturais e culturais dos Concellos mariñanos atraen o interese de centos de lucenses e forasteiros, o que confirma que a costa lucense é tamén pode xerar riqueza grazas ó turismo desestacionalizado.

Esta semana son tres asociacións, pertencentes a outros tantos Concellos da provincia, as que se dirixirán cara a Mariña para coñecer un pouco máis da riqueza medioambiental e patrimonial da comarca. 55 integrantes da Asociación Progreso de Lousada, do Concello de Xermade, serán os encargados de inaugurar as visitas desta semana. Tras seren recibidos na Deputación de Lugo, partiron cara Ribadeo onde, tras xantar nun dos restaurantes da zona, embarcaron en Porcillán para facer unha ruta polas augas da ría de Ribadeo e rematar a xornada cun paseo polas rúas da localidade e unha visita ó convento das Clarisas.

O mércores será o turno de 24 membros da Asociación de Amas de Casa “A Fiestra”, da Fonsagrada, que se decidiron por outra das rutas que percorren a Mariña. Neste caso o destino escollido foi Viveiro. Alí serán testemuñas da actividade da lonxa de Celeiro e visitarán o casco histórico e a Igrexa de Santa María do Campo. Xa o xoves, 55 dos veciños que forman parte da Asociación Veciñal de Tirimol, de Lugo, voltarán a Ribadeo, facendo a mesma ruta que a escollida polos viaxeiros do martes.

En canto á ruta de Km0 de fin de semana, serán veciños da Mariña os que se achegarán ata outras comarcas da provincia. 48 membros da Asociación Cultural Tobanca de Burela viaxarán ata o Concello de Sober para facer unha ruta en catamarán que os levará a coñecer a zona de Amandi, tras a visita que pola mañá farán ó Concello de Monforte.