Deputación de Lugo

A vintena de produtores e artesáns participantes no 1º mercado de Nadal Merca o teu facturaron 25.000 euros

Gómez Besteiro destacou na clausura do certame que se cumpriron os obxectivos cos que a Deputación ideou a iniciativa: poñer en valor a calidade dos produtos agroalimentarios e a artesanía de Lugo, e aumentalas vendas destes pequenos empresarios e autónomosDurante a clausura, sorteouse unha cesta de produtos autóctonos e artesanía entre os centos de persoas que compraron algún artigo no mercado, mentres que Coquito Carola recibiu os 400 euros do premio á mellor casetaNos 15 días do feiral recadáronse preto de 700 euros coa venda do CD con fins solidarios Cantos de Nadal, uns fondos destinados á compra de agasallos para distribuír entre os nenos de familias desfavorecidas de toda a provincia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, clausurou este sábado o 1º mercado de Nadal Merca o teu, durante o que a vintena de produtores e artesáns participantes facturaron ó redor de 25.000 euros, uns ingresos extra que estes pequenos empresarios e autónomos obteñen a maiores da súa actividade ordinaria grazas á iniciativa do organismo provincial. Deste xeito, segundo destacou Besteiro, o mercado cumpriu cos obxectivos cos que a institución luguesa ideou o mercado: poñer en valor a calidade dos produtos agroalimentarios e a artesanía de Lugo, e contribuír a aumentalas vendas destes pequenos empresarios e autónomos aproveitando o tirón das festas de Nadal.

Na clausura de Merca o teu, sorteouse entre todas as persoas que compraron algún artigo no feiral unha cesta de produtos e artigos artesáns, que foron doados polos propios participantes no mercado e no que entraron máis de 5.000 rifas. Así mesmo, Coquito Carola, de artesanía e complementos, recibiu os 400 euros do premio á mellor caseta.

Para a celebración do evento instaláronse 14 casetas de madeira en San Marcos, cunha ornamentación de Nadal, na que se ofreceron dende embutidos, viño, mel, fabas, castañas, queixos, pan, empanadas, biscoitos e conservas de verduras e setas silvestres, ata todo tipo de complementos, ben xoias, artigos de coiro ou téxtiles. Estes produtos son de pequenas empresas e autónomos dos territorios incluídos nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares, pois o certame foi cofinanciado polo Ministerio de Medio Ambiente a través dun convenio de colaboración que mantén coa Deputación para impulsar a actividade socioeconómica destes espazos protexidos. Houbo tamén diversas demostracións de oficios tradicionais, como o de ferreiro, canteiro ou cesteiro, entre outros.

Por outra banda, os máis pequenos puideron gozar, nunha jaima colocada tamén en San Marcos, de actividades didácticas gratuítas sobre as características da fauna e a flora de Terras do Miño, coincidindo co 10º aniversario da declaración deste valioso espazo natural como Reserva da Biosfera por parte da UNESCO.

Vertente solidaria

O 1º mercado de Nadal organizado pola Deputación tivo tamén unha vertente solidaria, pois no stand de información co que contou o feiral estivo á venda o CD con fins benéficos Cantos de Nadal, que recolle 10 temas do compositor e produtor Eloi Caldeiro, e en cuxo proceso de gravación e mesturas participaron alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro público da provincia con ensinanzas da rama audiovisual. Durante os 15 días de duración do mercado recadáronse preto de 700 euros coa venda do CD, uns fondos destinados á compra de agasallos para entregar ós nenos de familias desfavorecidas de toda a provincia.