Deputación de Lugo

A Deputación abre as portas do Centro de Artesanía e Deseño á ilustración de libros infantís e xuvenís de Contando con imaxes

Regina Polín presentou hoxe unha exposición con obras da artista Noemí López, que se inaugura mañá ás 20:00 horas e que permanecerá no Pavillón 4 do CENTRAD ata febreiro Contando con imaxes está formada por 48 obras desta lucense, que conta no seu currículo con traballos para libros de Fina Casalderrey, José Antonio Neira Cruz ou Antonio Reigosa

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou este luns Contando con imaxes, a nova exposición que o CENTRAD acolle no espazo expositivo do Pavillón 4, e que recolle traballos da ilustradora lucense Noemí López. Na mesma Sala de Exposicións na que se vén de clausurar con gran éxito a mostra de Labajjo Grandío, visitada por máis de 600 persoas, agora “é o momento de abrir as portas do Centro a outras manifestacións artísticas”, tal e como destacou Polín durante a presentación. O CENTRAD abrirá ó público este martes ás 20:00 horas, esta exposición formada por 48 traballos saídos das páxinas de libros de recoñecidos autores de ficción infantil e xuvenil.

Regina Polín, acompañada polo comisario da exposición Paco Pestana, desculpou a ausencia da artista, que nestes momentos se atopa no estranxeiro, pero “Noemí fíxonos chegar a súa emoción por poder amosar a lucenses de todas as idades a súa obra, e máis nesta Sala, o mesmo espazo que ocuparon artistas coma Labajjo Grandío”. Polín destacou que é tamén intención do Centro converterse nun espazo aberto a todas as manifestacións da creatividade.

Unha promesa da arte multimedia

Noemí López, nada no 1974, formouse profesionalmente coma deseñadora gráfica en Lugo, ó que se adicou ata o ano 1994, cando comezou a facer ilustracións para xornais e revistas, para facelas pouco despois para libros de ficción e educativos para os máis novos. Apaixoada da literatura infantil e xuvenil, Noemí vén participando dende o ano 98 en exposicións colectivas de ilustradores e impartindo obradoiros de ilustración.

No seu currículo figuran traballos de ilustración para obras de recoñecido autores de libros infantís e xuvenís coma Podesvir e Xela converteuse en vampira!!, de Fina Casalderrey; As porcas porquiñas, A avoa Encarna fai niño ou María está a pinta-lo mar de Xosé Antonio Neira Cruz; Guía ilustrada da Galicia invisible ou A escola de Briador de Antonio Reigosa; ou O castrón de ouro de Darío Xohán Cabana, publicados por prestixiosas editoriais coma Everest Galicia, Galaxia ou Xerais, moitos dos cales estarán presentes nesta exposición.

Contando con imaxes

Esta mostra está formada por ilustracións escollidas pola propia artista, realizadas a man alzada sobre papel, xa que é esta unha das formas coa que, afirma, máis goza traballando, coloreadas con acuarela, técnica única para, segundo Noemí, “conseguir un pouso de atemporal e nostálxico”, ou ben con acrílicos ou témperas, que permiten un colorido “máis vibrante”. As reproducións das ilustracións están realizadas nunha escala maior da orixinal, para que se poidan apreciar con detalle os trazos e as pinceladas da artista.

A súa obra está impregnada da súa propia historia, marcada polo Lugo urbano e o Lugo rural, de onde procede a súa familia, así coma os contos que escoitou do seu avó e que se traducen na aparición de elementos tradicionais mesturados coas imaxes fantásticas creadas pola artista.

Prazas libres nos Obradoiros artesanais para nenos

Polín lembrou que todas estas obras pasarán a formar parte dos fondos propios do Centro de Artesanía e serán un perfecto telón de fondo para as actividades gratuítas para nenos que, entre os días 26 de decembro e 4 de xaneiro, se celebrarán no CENTRAD, os Obradoiros Artesanais para nenos. Precisamente a Deputada quixo lembrar ás familias que aínda quedan algunhas prazas por cubrir nestes e que o prazo para facer as inscricións remata o día 21 de decembro. Para formalizalas só é necesario presentar no Rexistro de Inludes o formulario de solicitude debidamente cuberto. Este formulario estará a disposición dos interesados no propio Rexistro ou ben na web www.deputacionlugo.org, na que tamén poderán atopar a información necesaria.

A mostra presentada hoxe abrirá as súas portas este martes, ás 20:00 horas e permanecerá na Sala de Exposicións do Pavillón 4 do CENTRAD ata finais de febreiro ou comezos de marzo, onde se poderá visitar de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.