Deputación de Lugo

O Concerto de fin de ano da Deputación de Lugo converte á Capela de Santa María en sala de música

Imaxe deputación de lugo
A Capela acolle este sábado ás 21:00 horas o recital de música clásica gratuíto co que a institución provincial pecha a programación cultural do 2012 e no que o conxunto “Il Combattimento” interpretará pezas de diferentes épocas e estilosA mostra “Nai África- A orixe”, que ofreceu en primicia ós lucenses un percorrido pola tradición artística e etnográfica do continente africano clausurouse hoxe tras recibir preto de 2.000 visitas

A Capela de Santa María quedará convertida este sábado nunha sala de recitais acollendo o Concerto de fin de ano que, de xeito totalmente gratuíto, ofrece a Deputación de Lugo a modo de peche da programación cultural do CENTRAD do 2012. Este recital de música clásica, a cargo da formación “Il Combattimento”, incluirá pezas de estilos que comprenden a música vocal e instrumental, sacra e de trobador, datadas no período histórico comprendido entre o Baixo Medievo e finais do Barroco.

Os asistentes poderán escoitar un variado repertorio de interpretadas polos compoñentes de “Il Combattimento”, conxunto nacido no 2011 e formado por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Diego Segade, que nesta ocasión contarán coa colaboración de Vadzim Yukhnevich e Carlos Vázquez. Para elo, empregarán instrumentos propios da época, coma o organetto, o cimbalón, o cornetto, a viola d’abraccio ou a cítola de 4 cordas. Estes dous últimos serán cedidos polo propio Centro de Artesanía para este recital, que mantén unha exposición permanente da súa Coleccción de instrumentos musicais, declarada Visitable pola Xunta de Galicia en decembro de 2008 e incluída no Rexistro de Museos e Colección de Galicia (MUGA), así coma no Directorio de Museos e Coleccións do Estado, e que pode ser visitada gratuítamente durante todo o ano.

2.000 visitas en Nai África

Precisamente a Capela vén de clausurar a mostra “Nai África- A orixe”, que trouxo a Lugo por primeira vez unha colección de variadas pezas coas que os lucenses poideron ter unha visión xeral sobre a variada tradición do continente africano, profundizando na creación artística e riqueza etnográfica de África.

Esta mostra, que recibiu preto de 2.000 visitas, tivo un marcado carácter didáctico, xa que os asistentes tamén recibiron abundantes explicacións sobre aspectos coma a localización xeográfica, a fabricación e o uso dos obxectos presentados – moedas; cubertos de mesa; obxectos propios de ritos de iniciación; máscaras simbólicas empregadas en bailes; maternidade; xoias ou traxes de voda-, polo que esta mostra converteuse nunha ocasión única para coñecer a actividade creativa africana e o xeito no que esta ten influído na cultura occidental.