Deputación de Lugo

Lara Méndez entrega a 30 mozos lugueses os diplomas de asistencia a unha escola obradoiro sobre servizos sociais

Os participantes recibiron durante ano e medio formación teórica e práctica para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral nunha das profesións con máis futuro na provincia

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, entregou este martes, no Salón de Actos de San Marcos, os diplomas acreditativos de asistencia ós 30 mozos lugueses que participaron durante o último ano e medio na escola obradoiro Servizos á Comunidade, Atención Sociosanitaria a Persoas no Fogar. Este proxecto foi solicitado polo organismo provincial á Administración autonómica co fin de mellorar as posibilidades de inserción laboral dos mozos lugueses, ofrecéndolles formación profesional ocupacional, teórica e práctica, nunha das profesións con máis futuro da provincia, como son os servizos sociais.

Os participantes na escola obradoiro, 26 mulleres e 4 homes, todos menores de 25 anos de idade, recibiron a parte teórica nas instalacións provinciais do xa extinto INLUDES, mentres que a práctica fixérona no centro San Vicente de Paul e nas residencias de San Roque e As Gándaras. Durante a duración do obradoiro de emprego, os rapaces percibiron unha axuda económica.

Lara Méndez lamentou os recortes que aplicou a Xunta neste tipo de iniciativas, “que dan a oportunidade de aprender unha profesión a rapaces que non encontraron o seu sitio na información regrada, e que en moitos outros casos supoñen o primeiro contacto co mundo laboral. A pesar de deixar de contar este ano co apoio da Xunta, dende a Deputación mantemos, e incluso reforzamos, as accións de inserción laboral, como demostra o incremento dun 63% nos fondos que destinamos para o fomento do emprego no Orzamento de 2013”. A Vicepresidenta subliñou os perxuízos que provocan os recortes que fixo tamén a Xunta nos obradoiros de emprego, “cando máis necesarias son este tipo de iniciativas, pois o paro disparouse. Os Concellos uníronse por obriga para conseguir un obradoiro, pero as necesidades reais non están cubertas”.