Deputación de Lugo

O plan Satelíz@TE da Deputación recibe 450 solicitudes para dotar gratis de Internet a centos de familias e empresas do rural

Veciños, asociacións e PEMES de toda a provincia formalizaron a súa inscrición para contar con este servizo que financia a Deputación no 100% da instalaciónGómez Besteiro destacou que a institución provincial segue traballando para estender o uso das TIC, “mellorando a calidade de vida dos veciños e fortalecendo o tecido empresarial”Recibíronse peticións de 52 Concellos de toda a provincia entre as que destacan as 75 realizadas nas parroquias de Lugo, Palas de Rei ou Cospeito

O plan Satelíz@TE, posto en marcha pola Deputación de Lugo, rexistrou máis de 450 solicitudes feitas por veciños, asociacións e PEMES do rural da provincia, para optar a este plan co que a institución provincial permitiralles contar con conexión vía satélite de xeito gratuíto. Os demandantes non contaban con cobertura de internet por residir nas chamadas “zonas de sombra” o que dificultaba que negocios e particulares lle tiraran partido ás novas tecnoloxías.

Segundo destacou Gómez Besteiro, na Deputación de Lugo “estamos moi satisfeitos coa marcha do Satelíz@te, porque exemplifica a liña na que queremos seguir traballando: estendendo o uso das novas tecnoloxías na provincia, mellorando a calidade de vida dos nosos veciños e fortalecendo o tecido empresarial”, co fin de crear emprego e fixar poboación no rural.

O elevado número de solicitudes da conta da necesidade do plan. Con esta iniciativa da Deputación, serán centos de familias e empresas lucenses afincadas no rural as que poderán contar cun servizo de Internet realmente operativo, posto que ata o de agora estes estaban pagando por un servizo do que non dispoñían realmente. O Satelíz@te permitiralles facer compras, realizar trámites administrativos dun xeito rápido e sinxelo e acceder a todo todo tipo de información cunha conexión rápida e fiable.

Lugo, Terra Chá e Mariña á cabeza

De todas as solicitudes presentadas ata o momento destacan especialmente o número procedente da comarca de Lugo, cun total de 142, tan só das parroquias do concello de Lugo se achegaron 75 solicitudes. Tamén é considerable o número de interesados que formalizaron a súa inscrición dende a Terra Chá, 87, ou a Mariña, 66. Por concellos destaca ademais de Lugo, Palas de Rei con 56 solicitudes, Cospeito con 35 e as 18 de Friol, 19 do Valadouro e Outeiro de Rei e as 22 de Xove.

Financiación ó 100%

Cada beneficiario do programa Sateliz@te, que conta cun orzamento total de 385.000 euros, recibirá unha axuda que cubrirá o 100% do custe da antena, a súa instalación e os equipamentos precisos para a conexión á rede de banda longa, como pode ser un router. A contía máxima de cada subvención será de 500 euros. O usuario deberá asumir despois o mantemento do servizo, aínda que a Deputación garantirá tarifas vantaxosas, pois pactou os prezos de subministro coas operadoras de telecomunicacións. A velocidade de Internet da que dispoñerán será dun mínimo de 2 Mb, mentres que o máximo dependerá do tipo de contrato que o usuario formalice coas empresas colaboradoras coas que contará a institución luguesa, aínda que podería chegar ós 20 Mb.

Nos vindeiros días estudarase a documentación presentada polos solicitantes e se está todo correcto coñeceranse os beneficiarios antes de que remate o mes para así poder realizar a instalación entre os meses de outubro e novembro e que os inscritos comecen a desfrutar de internet de calidade canto antes.