Deputación de Lugo

Éxito da primeira retransmisión en 'streaming' do VI Campionato Internacional de Baristas de Foz

Máis de 450 internautas seguiron en tempo real a través de dispositivos móbiles este campionato, cuxos trofeos entregou esta tarde Gómez Besteiro tras un xantar degustación de pratos elaborados polos alumnos da Escola de HostaleríaAs probas continuarán mañá coa final do I Campionato Internacional de Baristas Profesionais, unha demostración de coctelería acrobática e nova entrega de trofeos, que tamén serán retransmitidas polos alumnos da Escola de Imaxe e Son

Máis de 450 persoas seguiron está mañá en directo a través dos seus dispositivos móbiles a evolución do VI Campionato Internacional de Baristas que acolle estes días a Escola de Hostalería de Foz e que a Fundación TIC, dependente da Deputación, difunde a través da súa páxina web, www.fundaciontic.org, por 1ª vez en “streaming” - tempo real-, grazas ó traballo dos alumnos de 2º curso do Ciclo Superior de Realización da Escola de Imaxe e Son (EIS). Ademais, todo o material audiovisual obtido empregarase para a edición dun DVD, que se entregará posteriormente ó IES de Foz.

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que fixo entrega hoxe dos trofeos ós vencedores deste VI Campionato Internacional, subliñou a importancia do labor dos responsables da Escola por organizar este evento, que contribúe a “promocionar unha especialidade profesional, unha alternativa que aumenta as posibilidades de inserción laboral nun sector estratéxico na Mariña, comarca na que preto do 70% das empresas adícanse ó sector servizos”. Ademais, quixo destacar o feito de que estes Campionatos sexan unha oportunidade de facer prácticas reais, “fundamentais para aumentar as posibilidades de inserción no mercado laboral, tanto para o alumnos desta Escola coma para os da Escola de Imaxe e Son, que están a retransmitir en directo todo o que aquí acontece”.

Esta entrega de trofeos tivo lugar tras unha demostración de latte art - arte de preparar orixinais deseños na superficie do café-, a cargo do gañador dos Campionatos Galego e Nacional de Baristas, o chantandino Damián Seijas. Seguidamente, os asistentes puideron degustar un xantar elaborado polos propios alumnos da escola focense.

Competición de baristas profesionais

As probas continuarán mañá coa celebración da final do I Campionato Internacional de Baristas Profesionais, e outras actividades programadas, coma a demostración de coctelería acrobática que fará o subcampión galego Carlos Abelleira e as degustacións de café. Todas as actividades tamén serán retransmitidas en “streaming” na páxina web da Fundación TIC.

A colaboración entre a TIC e o instituto de Foz é froito dun convenio entre ambas entidades, que ten como finalidade promocionar no exterior as ensinanzas de hostalería que se imparten no IES mariñano, ó tempo que os estudantes do único centro da provincia que imparte ensinanzas superior da familia do audiovisual completan a súa formación. A gravación forma parte da programación de prácticas reais da Escola de Imaxe e Son de Lugo, para as que os alumnos dispoñen dos medios técnicos necesarios para desenvolver un traballo profesional que contribúa á súa inserción laboral.