Deputación de Lugo

O plan Fórmate en Verde, co que a Deputación creará emprego e fixará poboación no rural, conta xa con un milleiro de inscritos

Imaxe deputación de lugo
As primeiras accións formativas sobre gandería e agricultura ecolóxica, e xestión forestal sostible comezarán a finais deste mes de marzoOs interesados aínda poden anotarse, para o que deben entrar en www.deputacionlugo.org escoller unha actividade, cubrir o formulario correspondente e envialo dende a webOs participantes recibirán gratis formación, prácticas reais nunha explotación consolidada e asesoramento técnico especializado para crear, reconverter ou diversificar a súa empresa

O novo plan de emprego da Deputación, Fórmate en Verde, conta xa con un milleiro de inscritos, o que demostra a gran aceptación desta iniciativa entre os veciños da provincia, coa que o organismo lugués xerará emprego e fixará poboación no rural. Dado o gran volume de persoas anotadas, as primeiras accións formativas, que poden ser presenciais, a distancia ou mixtas, arrancarán a finais deste mes de marzo. De calquera xeito, os interesados aínda poden inscribirse, para o que deben entrar na páxina web www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse, cubrir o formulario correspondente e envialo dende a propia web. Cada persoa só pode solicitar un curso de cada sector ofertado: gandería e agricultura ecolóxica, e xestión forestal sostible.

Os participantes neste programa, cofinanciado nun 80% por fondos europeos a través do Lug02, recibirán, de maneira totalmente gratuíta, formación, prácticas reais nunha explotación consolidada e asesoramento técnico especializado para crear, reconverter ou diversificar empresas vinculadas á produción ecolóxica e sostible. A formación descentralizouse en función do peso específico de cada rama obxecto do plan nas comarcas lucenses. Deste xeito, a vinculada á xestión forestal impartirase na Mariña; as de gandería ecolóxica terán lugar na zona centro da provincia, e as de agricultura ecolóxica, na Zona Sur.

Desta oportunidade de futuro poden beneficiarse desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

Xornadas informativas

De xeito paralelo, ó longo deste mes de marzo, a Deputación levará por toda a provincia xornadas e talleres para informar de primeira man ós veciños sobre o plan Fórmate en Verde. Deste xeito, pretende facilitar o acceso á información acerca deste proxecto, e que se beneficien del o máximo número de persoas. Deste xeito, hoxe tiveron lugar xornadas informativas en Guitiriz e O Corgo; mañá mércores celebraranse en Carballedo e Pol; o xoves 7, en Castroverde; o 8, en Friol; o 12 de marzo, en Sarria; e o 27, en Castro de Rei. Tamén se ofrecerá información nas feiras MOEXMU de Muimenta; na Feira Degustación da Tenreira Galega de Láncara; na Feira do Ano de Paradela; na Festa da Primavera do Páramo, ou no Concurso Nacional de Rubia Galega do Corgo.

Formación, práctica e asesoramento

O plan de emprego Fórmate en Verte, con un ano de duración, ten tres eixos:

- Formación: que poderá ser presencial, a distancia ou mixta, e impartirase entre os meses de marzo e outubro.

- Visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal.

- E, posteriormente, asesoramento técnico especializado a tódolos participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores gandeiro, agrícola e forestal. As persoas que queiran reconverter a súa explotación, diversificar a súa actividade ou ben poñer en marcha unha nova empresa, contarán con asesoramento continuo e especializado, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado. Terán ademais á súa disposición unha canle de comercialización: a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación que conta hoxe con 80 empresas e 400 produtos e servizos.