Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo está á cabeza dos organismos provinciais de Galicia en canto a execución orzamentaria

Imaxe deputación de lugo
Segundo os datos oficiais pechados a día de hoxe, correspondentes a 2011, a entidade lucense é a que rexistra o maior nivel de execución orzamentaria, cun 89%, seguida de Ourense, con un 88%; Pontevedra, con un 83%, e A Coruña, con un 77% A eficacia do actual Goberno provincial destaca fronte á etapa do PP, que no 2006 soamente foi capaz de executar o 38% do presuposto global, “un nivel que, no capítulo de investimentos reais, baixou a un irrisorio 20%”, subliñou a Deputada de Economía A boa xestión da Deputación de Lugo tamén contrasta coa “inoperancia” da Xunta, pois en 2011 executou unicamente o 61% das inversións produtivas consignadas, deixando 160 millóns de euros sen gastar para promoción de emprego

A Deputación de Lugo está á cabeza dos organismos provinciais de Galicia en canto a execución orzamentaria, rexistrando un 89% en 2011, segundo deu a coñecer este xoves a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto. Trala institución luguesa sitúase a de Ourense, con un 88%; Pontevedra, con un 83%, e A Coruña, con un 77%.

Nestes intres, explicou García Porto, o servizo provincial de Intervención ultima o informe de liquidación do exercicio de 2012, onde se recollen os niveis de execución do Orzamento do pasado ano. Este documento estará listo antes de finalizar este mes de febreiro, tal e como marca a Lei. Polo tanto, os datos oficiais e pechados a día de hoxe, son os do Orzamento de 2011, “tanto para esta Deputación, como para o resto das galegas, e tamén a Xunta de Galicia”.

A eficacia do actual Goberno provincial neste eido destaca fronte á etapa do PP, que, “por exemplo, no último ano no que gobernaron, no 2006, soamente foron capaces de executar o 38% do presuposto global, un nivel que, no capítulo de inversións reais, baixou a un irrisorio 20%”, asegurou a Deputada de Economía.

A boa xestión da Deputación de Lugo tamén contrasta, engadiu Porto, coa “inoperancia” da Xunta de Galicia, pois, tendo en conta os últimos datos oficiais publicados pola Administración autonómica no Diario Oficial de Galicia (DOG), o Goberno de Feijóo só foi capaz de executar o 61% dos investimento produtivo –inversións reais e transferencias de capital- consignados para o ano 2011, cinco puntos por debaixo do acadado pola Deputación nese mesmo exercicio. Isto supón que a Xunta deixou de investir 841 millóns de euros. “Tendo en conta o contexto de crise e a subida dramática do paro, resulta especialmente grave a deixadez do Executivo galego en canto a promoción do emprego, ámbito no que deixou 160 millóns de euros sen gastar; desenvolvemento empresarial, con 114 millóns sen gastar; e I+D+i, con 40 millóns que non investiron”, recalcou a Deputada de Economía.