Deputación de Lugo

Dar voz á cidadanía, obxectivo da asociación guitiricense que se suma ós convenios coa TIC

O Presidente da Fundación TIC e o máximo responsable de Voz Ciudadana asinaron un acordo para difundir o labor deste novo colectivo social e completar a formación dos exalumnos da Escola de Imaxe e Son A asociación, constituída hai un mes, pretende axudar ás familias máis necesitadas, promover actividades culturais e servir de altofalante das demandas dos cidadánsCon esta incorporación, xa se elevan a 110 as organizacións coas que colabora a Fundación TIC

A Fundación TIC apoiará e difundirá ó labor da Asociación Voz Ciudadana (AVC), constituída hai un mes por varios rapaces de Guitiriz e que ten entre os seus obxectivos axudar ás familias más necesitadas do Concello e fortalecer a relación entre os cidadáns e os partidos políticos en toda a provincia.

Isto será posible grazas ó convenio de colaboración asinado este xoves entre o Presidente da TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o máximo responsable da organización, Bruno Pena. O acordo tamén permitirá completar a formación práctica dos exalumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas da rama audiovisual.

Gómez Besteiro destacou a importancia de iniciativas coma esta, “que demostran a implicación dos mozos e mozas lucenses cos tempos difíciles que lles tocou vivir”. O máximo responsable da TIC dixo que “é alentador comprobar como as novas xeracións traballan de forma altruísta polos que máis están a sufrir a crise e tamén para servir de altofalante das inquedanzas e demandas dos veciños da nosa provincia”.

Pola súa banda, o presidente de AVC, Bruno Pena, dixo que “somos un grupo de rapaces que decidimos emprender este proxecto porque cremos que nestes tempos complicados para a sociedade debemos unirnos”. Segundo apuntou, nacen con varios propósitos: “o primeiro, e máis importante, é axudar ós máis necesitados, pero tamén queremos fortalecer a relación entre os cidadáns e os partidos políticos que, na nosa opinión, están moi deterioradas na actualidade. Non nos identificamos con ningunha forza política, ó contrario, defendemos unha política diferente”. A través da dirección de correo asociacionvozciudadana@hotmail.com recollerán todas as propostas que lles formulen ós cidadáns “para transmitilas ós responsables políticos que correspondan, co obxectivo que se fagan realidade”.

Primeira actividade: comida solidaria

A primeira actividade da asociación foi unha comida solidaria celebrada o pasado sábado en Guitiriz. O obxectivo era recadar fondos para comprar alimentos, que se repartirán entre as familias máis necesitadas do Concello. Ademais, crearon un banco de alimentos, ó que todas as persoas que queiran axudar poden doar produtos non perecedoiros que se recollerán durante todo o ano en varios establecementos da vila.

Por outra banda, promoverán actividades culturais “que son as primeiras que, desgraciadamente se eliminan por mor da crise”, dixo Bruno Pena. Tamén sinalou que “queremos ser unha asociación transparente, por iso, todos os movementos económicos, e os escritos emitidos ou recibidos de entidades públicas, faranse públicos, e calquera persoa poderá acceder a eles”.

Colaboración con 110 asociacións

Con esta nova sinatura, a Fundación eleva xa a 110 o número de convenios con asociacións e empresas da provincia. O principal obxectivo destes acordos é proporcionar experiencia laboral ós antigos estudantes da EIS para que poidan acceder con máis facilidade a postos de traballo no sector multimedia. No referente ás ONGs, preténdese difundir e apoiar o seu labor e, ó mesmo tempo, impulsar a inserción laboral de persoas con discapacidade; coas asociación de deporte base, fomentar os hábitos saudables entre a poboación e facer visibles este tipo de agrupacións, e coas empresas TIC, fomentar o uso das novas tecnoloxías no tecido industrial.