Deputación de Lugo

A Deputación ofrece gratis ós Concellos a revisión integral da facturación eléctrica para aforrar no gasto e evitar abusos das compañías

Os 47 municipios do Club dos Renovables poderán beneficiarse desta nova liña de cooperación, coa que o organismo provincial ofrece “unha resposta rápida e eficaz” ante as irregularidades na facturación denunciadas pola FEGAMP, subliñou o PresidenteAplicando as recomendacións que lles fará a Axencia Provincial da Enerxía para optimizar as condicións do contrato e corrixir erros na factura, cada Concello poderá aforrar ata un máximo de un 20% nos custes enerxéticos A institución lucense enviou hoxe unha carta ós 47 municipios que integran o Club dos Renovables explicándolles a iniciativa e invitándoos a adherirse, para o que teñen de prazo ata o día 25 de marzo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do director provincial de Fondos Europeos, Pablo Rivera, e do director da Axencia Provincial da Enerxía, Antonio Álvarez, anunciou este luns que o organismo provincial ofrecerá a 47 Concellos da provincia –os que se inscribiron no Club dos Renovables- asesoramento técnico para que obteñan o máximo aforro no gasto eléctrico e eviten posibles situacións de abuso por parte das compañías realizándolles un estudo personalizado e totalmente gratuíto sobre a facturación de todas as instalacións municipais. Con esta nova liña de cooperación cos Concellos, subliñou Besteiro, “na Deputación demostramos que somos capaces de artellar unha resposta rápida e eficaz” ante as irregularidades na facturación que denunciou hai tan só uns días a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Os Concellos que integran o Club dos Renovables beneficiaranse, deste xeito, dunha medida que a propia Deputación xa aplicou nas súas instalacións provinciais o ano pasado. Coa reforma do contrato coa empresa subministradora, o organismo lugués logrou reducir un 25% ó ano -123.000 euros- o gasto eléctrico.

Un dobre aforro

O Presidente explicou que os traballos acometeranse con fondos propios, pois ocuparase deles a Axencia Provincial da Enerxía, creada pola Deputación hai tres anos. Os Concellos que se sumen ó programa obterán un dobre aforro. Por un lado, asumindo os traballos de revisión e control da facturación, a Deputación evitaralle a cada Concello un gasto de uns 5.000 euros, pois este é o prezo que ten no mercado un estudo deste tipo. Deste xeito, se se sumasen á iniciativa os 47 Concellos do Club dos Renovables, o aforro global será de 230.000 euros.

Por outro lado, coa aplicación das recomendacións que recollerá o estudo, cada entidade local obterá un aforro inmediato de ata un máximo de un 20% ó ano na factura eléctrica. Deste xeito, un Concello medio da provincia con 5.000 habitantes, que paga ó ano 200.000 euros pola luz, poderá aforrar ata un máximo 40.000 euros.

O amplo estudo que realizará a Axencia Provincial da Enerxía abordará cuestións como as seguintes: se as condicións que ofrece a compañía ó Concello son as mellores do mercado, ou hai outras empresas con tarifas e servizos máis axeitados ás súas necesidades; se está pagando unha penalización ou recargo por non optar por unha compañía comercializadora do mercado libre; se a empresa lle está liquidando correctamente o imposto que lle ten que pagar polo uso do solo e o subsolo; se hai erros na factura (cálculo, aplicación de prezos...); se a tarifa aplicada se adecúa ó consumo real de cada subministro, ou se a potencia contratada se adecúa ó subministro, ou pode reducirse.

A Deputación remitiu hoxe mesmo cartas dirixidas ós 47 Concellos que integran o Club dos Renovables para informalos en detalle deste novo plan de aforro e propoñerlles que se adhiran. Para elo, terán que remitir a San Marcos antes do día 25 de marzo un formulario de adhesión cuberto. No caso de non recibir este documento no prazo mencionado, o organismo lugués entenderá que non están interesados en participar. Unha vez recibidos todas adhesións, arrancarán os traballos. A duración dependerá do número de Concellos que soliciten o servizo.

Unha nova vantaxe de ser Concello Renovable

O Club dos Renovables xurdiu o ano pasado tras ofrecerlles a todos os municipios da provincia outras iniciativas de aforro medioambiental. Sumáronse voluntariamente 47 Concellos de todas as cores políticas, é dicir o 70% dos da provincia.

Segundo recordou o director de Fondos Europeos, Pablo Rivera, o primeiro programa que a Deputación puxo en marcha para o Club dos Renovables “foron as auditorías gratuítas de eficiencia enerxética, que, por certo, estamos rematando”. Rivera indicou que a “estes municipios tamén lles proporcionaremos, a custe cero, os materiais e dispositivos necesarios para mellorar a eficiencia enerxética que determinen ditos estudos”, como lámpadas LED, válvulas termostáticas, programas de rego ou detectores de presenza. O análise da facturación é, por tanto, unha vantaxe máis de terse sumado ó Club dos Renovables. “Facendo as auditorías enerxéticas detectamos que os Concellos teñen problemas coa facturación, e non dispoñen de medios técnicos nin económicos para controlada, o que fai que moitas veces as compañías se aproveiten da súa posición dominante. Co asesoramento que lles prestamos agora satisfacemos unha necesidade que lles axudará a obter aforros importantes”, engadiu.

Os 47 Concellos do Club son os seguintes: O Incio, A Fonsagrada, Cervantes, Monterroso, Pedrafita do Cebreiro, Negueira de Muñiz, Pol, Samos, A Pontenova, Navia de Suarna, A Pastoriza, Becerreá, Viveiro, Ribas de Sil, Castroverde, Riotorto, A Pobra do Brollón, Ribadeo, Monforte de Lemos, Rábade, Abadín, Portomarín, Láncara, Meira, Trabada, Guntín, Barreiros, O Valadouro, Sarria, Palas de Rei, Baralla, Xove, O Vicedo, Sober, Quiroga, Friol, Guitiriz, Baleira, Bóveda, Burela, Cervo, O Corgo, Lugo, Mondoñedo, Paradela, O Saviñao e Triacastela.