Deputación de Lugo

Gómez Besteiro entrega o DVD Quantas Sabedes Amar Amigo a Cantar Delas realizado por alumnos da Escola de Imaxe e Son

O disco recolle a gravación íntegra dunha actuación do coro de voces brancas da Asociación cultural Cantar Delas, no que interpretan cantigas medievais de Alfonso X O Sabio e Martín Códax co acompañamento de zanfona e mandolinaAlumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son, co apoio dos técnicos da TIC, gravaron, realizaron e editaron o vídeo como parte do completo programa de prácticas reais que lles ofrece a Escola

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, fixo entrega este luns ó presidente da Asociación Cultural Cantar Delas, Julio Méndez, do DVD Quantas Sabedes Amar Amigo, que recolle a gravación íntegra do concerto de outono do primeiro coro de voces brancas creado na provincia. Alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son, co apoio dos técnicos da TIC, foron os encargados da gravación, realización e edición do concerto, no que a coral interpretou cantigas de Alfonso X O Sabio e Martín Códax. O traballo forma parte das prácticas reais que lles ofrece o único centro público da provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual, neste caso en virtude do convenio que a TIC mantén con Cantar Delas para difundir a música coral galega.

Na súa actuación, o coro dirixido por Fernando Gómez Jácome contou co acompañamento de instrumentos tradicionais como a zanfona e a mandolina, co fin de devolver as cántigas medievais ó ambiente de música popular co que naceron. O concerto tivo lugar o pasado mes de outubro no Museo Provincial de Lugo.

Promoción da cultura musical

A Fundación TIC contribúe ó impulso da cultura musical na provincia mediante o apoio ás agrupacións e músicos lugueses, a colaboración na celebración de festivais ou na promoción de novos talentos dentro e fóra de Lugo. Proba disto son o proxecto “Xoves con Arte”, no que a TIC colaborou co Concello de Lugo para promocionar a 33 grupos noveis lucenses ou a colección “Son Lugueses”, na que se inclúen concertos das Bandas de Música de Vilalba e Sarria; o himno oficial do Arde Lvcvs da Cohors III Lucensium e o grupo monfortino La Cuarta Pared, entre outros traballos discográficos.

Entre os traballos máis recentes dos profesionais e bolseiros da TIC figuran a gravación da opereta “La verbena de la paloma”, no Auditorio municipal de Lugo; o disco do músico e director da Escola de Música de Foz, Arcadio Mon, “Sen seu Amor” e o CD “Con Ton e Son” de Aires da Poxa de Salcedo.

Ademais, nos últimos anos, realizáronse varios vídeos musicais como “Torres de Compostela”, da eurovisiva Lucía Pérez; “La búsqueda” e “New conclusions”, dos grupos ribadenses “Escala Dinker” e “Sun Face”, así como o do grupo de música tradicional do Incio “Arandela”. Igualmente vén ofrecendo apoio en varios festivais de música como o “Festival Solidario de Baganda”, celebrado no 2010 en Castro de Rei e o “Resurrection Fest 2011”, o “Hardcore Assault” e o da Canción do Landro, en Viveiro. Este último foi gravado por alumnos e bolseiros da TIC para a súa emisión en “V Televisión” e na TVG.

Cantar Delas

O grupo coral de voces brancas Cantar Delas naceu na primavera do ano 2007 a iniciativa do Presidente da asociación cultural que lle da nome, Julio Méndez, e do seu director, Fernando Gómez Jácome. Despois do necesario período de selección das integrantes, todas elas mulleres, realizaron a súa presentación en público en marzo de 2008, na Igrexa de San Pedro. A madriña do concerto foi a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez.

Dende entón, a asociación cultural celebrou en Lugo varios cursos de técnica vocal e numerosos concertos en colaboración con outros coros de voces brancas lucenses, do resto de Galicia e de Asturias. Na actualidade, a coral está integrada por 30 mulleres de diversas idades.

Prácticas reais para os alumnos

Na actualidade, a TIC mantén contacto con máis de 70 empresas nacionais do sector multimedia e ten asinados 109 convenios de colaboración con ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir o seu labor mediante a realización de proxectos audiovisuais. A Escola de Imaxe e Son ten coma un dos seus principais obxectivos complementar os coñecementos teóricos dos seus alumnos con numerosas prácticas, encamiñadas a favorecer a súa posterior integración no mundo laboral.

A EIS oferta oferta 44 prazas, 22 para cada un dos dous módulos superiores: Realización e Produción de Audiovisuais, ademais de contar con matrícula gratuíta dende hai cinco anos, agás para os alumnos repetidores, co fin de apoiar un ensino público de calidade e accesible a todos.