Deputación de Lugo

As primeiras accións formativas do plan Fórmate en Verde arrancan a vindeira semana con 80 participantes

O luns comeza un curso sobre xestión forestal sostible en Viveiro con 21 inscritos; o martes, dous de vacún maior ecolóxico con 40 inscritos -un on line e outro presencial en Castro-; e o mércores, un de agricultura ecolóxica, con 20 anotados, en MonforteOs interesados aínda poden inscribirse, pois o proxecto conta con un mínimo de 900 prazas. Para elo, deben entrar na páxina www.deputacionlugo.org escoller unha actividade, cubrir o formulario correspondente e envialo dende a webOs participantes reciben gratis formación, prácticas reais nunha explotación consolidada e asesoramento técnico especializado para crear, reconverter ou diversificar a súa empresa

As primeiras accións formativas do plan Fórmate en Verde, co que a Deputación de Lugo xerará emprego e fixará poboación no rural, arrancan a vindeira semana con 80 participantes. Trátase de catro cursos (dous presenciais, un a distancia e outro mixto), coas seguintes datas e contidos:

- Dende o próximo luns, 18 de marzo, e ata o 30 de maio, de 9:00 a 14:00 horas, impartirase en dependencias municipais de Viveiro un curso de Xestión Forestal Sostible. Conta con 21 inscritos, todos da comarca da Mariña (principalmente de Viveiro, Foz, O Valadouro, O Vicedo e Xove).

- Do martes, 19 de marzo, ó 20 de maio, en horario de 10:00 a 14:00 horas, terá lugar na Granxa Gayoso Castro un curso presencial de Vacún Maior Ecolóxico, con 20 persoas anotadas, a maioría da Terra Chá, pero tamén da Zona Sur e das comarcas de Lugo e A Mariña. O mesmo 19 de marzo arrancará outro curso on line da mesma temática, que continuará ata o 19 de xuño e conta con 20 participantes, a metade deles da Terra Chá e os restantes da Zona Sur, A Mariña, A Montaña e a comarca de Lugo.

- Entre o mércores 20 de marzo e o 30 de abril, terá lugar un curso de Agricultura Ecolóxica de modalidade mixta, isto é, unha parte presencial, que terá lugar na Casa Sindical de Monforte, de 10:00 a 14:00 horas, e outra on line. Nesta acción formativa participan 20 persoas, todas da Zona Sur.

Toda esta información, así como a listaxe de participantes, pódese consultar na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org

As persoas interesadas en beneficiarse desta oportunidade de futuro poden en calquera caso seguir anotándose, pois o proxecto conta con un mínimo de 900 prazas e as seguintes accións formativas iniciaranse de maneira progresiva, a medida que se vaia completando a selección e organizando os grupos. Para anotarse deben entrar en www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse, cubrir o formulario correspondente e envialo dende a propia web. Cada persoa só pode solicitar un curso de cada sector ofertado: gandería e agricultura ecolóxica, e xestión forestal sostible.

Desta oportunidade de futuro poden beneficiarse desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

Formación, práctica e asesoramento

O plan de emprego Fórmate en Verde, financiado ó 80% pola Unión Europea a través do programa medioambiental Lug02, ten tres eixos:

- Formación: que pode ser presencial, a distancia ou mixta, e impartirase entre este mes de marzo e outubro.

- Visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal.

- E, posteriormente, asesoramento técnico especializado a tódolos participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores gandeiro, agrícola e forestal. As persoas que queiran reconverter a súa explotación, diversificar a súa actividade ou ben poñer en marcha unha nova empresa, contarán con asesoramento continuo e especializado, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado. Terán ademais á súa disposición unha canle de comercialización: a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación que conta hoxe con 100 empresas e 800 produtos e servizos.