Deputación de Lugo

Cinco expertos no ámbito da Administración pública debaten mañá en Lugo sobre o futuro de Deputacións e pequenos Concellos

Imaxe deputación de lugo
Manuel Zafra, Jordi Sevilla, Roberto Blanco Valdés, José María Gimeno e Alba Nogueira intervirán no IV Encontro de Cooperación cos Concellos organizado pola Deputación de Lugo Unhas 150 persoas de toda a provincia asistirán ó foro, que se desenvolverá entre as 10:30 e as 18:30 horas no Salón de Actos de San Marcos

Cinco expertos de recoñecido prestixio no ámbito da Administración pública e o Dereito Constitucional debaterán mañá luns no IV Encontro de Cooperación cos Concellos, organizado pola Deputación de Lugo, sobre o futuro dos organismos provinciais e os pequenos Concellos. Para abordar este tema de máxima actualidade e transcendencia para as entidades locais, a Deputación preparou dúas mesas redondas e unha conferencia, para as que conta cos seguintes profesionais:

- Manuel Zafra: profesor titular de Ciencia Política e da Administración Pública da Universidade de Granada. Foi director xeral de Cooperación Local no Ministerio de Administración Públicas; director xeral de Administración Local na Junta de Andalucía e director do Plan Estratéxico da Deputación de Granada.

- Jordi Sevilla: Ministro de Administracións Públicas (2004-2007). É licenciado en Ciencias Económicas e pertence ó Corpo Superior de Técnicos Comerciais e Economistas do Estado.

- Roberto Blanco Valdés: Catedrático de Dereito Político e Constitucional da USC, e escritor de máis de cen traballos e unha decea de libros.

- José María Gimeno Feliu: Catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Zaragoza. Trátase dun experto en contratación pública, que preside dende o 2011 o Tribunal Administrativo de Contratos Públicos de Aragón.

- Alba Nogueira: profesora titular de Dereito Administrativo da USC.

Asistentes e programación

Unhas 150 persoas de toda a provincia asistirán á cuarta edición do Encontro de Cooperación, que se celebrará entre as 10:30 e as 18:30 horas, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. A programación do Encontro será a seguinte:

10:30 horas: Inauguración das xornadas a cargo do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro.

11:00-12:30 horas: mesa redonda e coloquio sobre “Os Gobernos locais intermedios en España e Europa. As Deputacións como Gobernos intermedios. Presente e futuro”. Interveñen Manuel Zafra e Roberto Blanco Baldés, e modera o xornalista lucense Benigno Lázare.

13:00-14:00 horas: conferencia “A Contratación conxunta. Instrumentos xurídicos: unha reformulación da xestión dos contratos públicos”, a cargo de José María Gimeno Feliu.

16:30-18:30 horas: mesa redonda sobre “Os pequenos municipios diante a reforma do réxime local”. Interveñen Alba Nogueira e Jordi Sevilla, e modera Benigno Lázare.

18:30 horas: Clausura a cargo do Deputado provincial Álvaro Santos.

Con este Encontro, a Deputación dá un paso máis no empeño de situar a Cooperación cos Concellos como a columna vertebral da acción do Goberno Provincial e como a verdadeira razón de ser da institución, despois de ser este Executivo o que creou unha área específica de Cooperación e Asistencia ós Concellos, que antes non existía.