Deputación de Lugo

A compra responsable, a mellor ferramenta das administracións para incrementar a eficiencia do gasto público e a sostenibilidade

Lara Méndez e Sonsoles López Izquierdo participaron no encontro celebrado hoxe na Deputación de Lugo, na que se explicaron as vantaxes da compra responsable por parte das administracións para racionalizar o gasto público e contribuír á sostenibilidade localAs administracións poden animar ás empresas do sector a obter a certificación da madeira, aumentando o rendemento para produtores polo incremento no valor engadido destes produtos de crecente demanda e a adopción de boas prácticas laborais

A Vicepresidenta da Deputación de Lugo, Lara Méndez, clausurou a xornada formativa gratuíta Compra Pública Responsable de Produtos do Monte, organizada pola Deputación de Lugo, en colaboración con COPADE e Cova da Terra que esta mañá, dende a inauguración a cargo da Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, reuniu no Salón de Actos de San Marcos a varios expertos que abordaron dende diferentes puntos de vista a compra responsable, en particular de madeira e derivados, por parte das administracións públicas.

Na súa intervención, Méndez destacou “o exemplo que as administracións deben dar, apostando por xeitos diferentes de facelas cousas, atendendo a criterios nos que predomine un maior diálogo social, e o compromiso coas persoas e co medio”.

Méndez destacou o compromiso da Deputación co respecto e a promoción do medio coma factor de desenvolvemento social e económico, de xeración de emprego e de fixación de poboación no rural. Lara Méndez citou coma exemplo, o plan Fórmate en Verde, que conta cun orzamento de 1 millón de euros financiados ó 80% por UE, a través do que o organismo provincial “creará emprego e fixará poboación no rural dando asesoramento e formación de xeito gratuíto a un mínimo de 900 lucenses para que creen ou reconvirtan empresas vinculadas ó aproveitamento forestal sostible, así coma á agricultura e gandería ecolóxica”

Principais conclusións

Os expertos Ana Ríquez, Alessandro Leonardi, Begoña Fernández Ruíz e Xavier Bruña, explicaron os beneficios que pode reportar este tipo de contratación pública para as administracións, empresas, produtores e para a sociedade en xeral, así como os procedementos para incluír determinados criterios sociais e ambientais nos pregos de contratos da administración, para adquirir madeira e derivados que conten con certificacións de sostenibilidade, coma a FSC –Forest Stewardship Council ou Consello de Administración Forestal-, outorgada por unha organización non gubernamental, internacional e sen ánimo de lucro, que avalía os bosques e os procedementos de xestión forestal.

A compra pública responsable pode converterse na principal ferramenta de sostenibilidade institucional, integradora das sinerxias das administracións, empregados públicos e contratistas para avanzar no desenvolvemento sostible e na promoción de determinadas condutas da sociedade. Precisamente os beneficios que pode reportar a compra responsable, tanto para o sector forestal coma para o medioambiente ou a economía, son os factores destacados para avogar por este tipo de prácticas, especialmente nas administracións enmarcadas en zonas produtoras.

Tendo en conta que a certificación de sostenibilidade da madeira (FSC) potencia o valor engadido dos produtos e subprodutos da madeira e que constitúe un destacado instrumento de márketing para a comercialización destes produtos, dos que existe unha crecente demanda, as administración non poden dar as costas á adopción deste tipo de criterios, para aumentar o rendemento económico da produción e incentivando ás empresas produtoras e transformadoras a adoptar boas prácticas, que favorezan, ademais, a inserción laboral, a igualdade de xénero ou a integración de persoas con discapacidade.