Deputación de Lugo

Unha nova conferencia no Centro de Interpretación analiza o papel dos anfibios e réptiles na biodiversidade da provincia

Imaxe deputación de lugo
A charla sobre estas especies propias dos humidais centrará unha nova xornada divulgativa da programación do Centro, encamiñada a impulsar a formación medioambiental Todas as actividades, que continuarán no mes de marzo, son gratuítas. Información e inscricións en Medio Ambiente: 982 22-78-12 ou und.medioambiente@deputacionlugo.org

O Centro de Interpretación Terras do Miño acolle este xoves ás 19:00 horas unha nova conferencia enmarcada na programación de actividades divulgativas gratuítas deste ano, coas que a Deputación pretende dar un impulso ó labor de formación medioambiental, que é un dos obxectivos fundamentais que persegue o Centro.

Nesta ocasión, o experto Martiño Cabana Otero, vicepresidente da Asociación Galega de Custodia do Territorio será o encargado de disertar acerca de Anfibios e réptiles da provincia de Lugo: biodiversidade e conservación, na que analizará o papel destacado que, malia o seu baixo número no territorio lucense, estes animais desempeñan nos procesos ecolóxicos da natureza, debido ó feito de seren fonte de alimentos para moitos depredadores e consumidores de gran cantidade de invertebrados. Ademais, a súa dependencia da auga e as diferentes características anatómicas e fisiolóxicas que presentan, fan que sexan considerados como indicadores da saúde dos hábitats acuáticos e que a súa presenza determine a existencia de humidais en bo estado de conservación.

Continúan as actividades gratuítas

Con esta actividade péchase a programación divulgativa do Centro de Interpretación do mes de febreiro. Xa no mes de marzo celebraranse dúas novas conferencias, os días 7 e 21: Biomímese. Innovación inspirada na natureza e A Educación ambiental como ferramenta para a conservación do medio natural, respectivamente. Ademais deste ciclo de conferencias, a programación completaranse con obradoiros para nenos e adultos, visitas guiadas e outras actividades ó aire libre, en canto a climatoloxía sexa menos severa. Previsiblemente, o Centro ampliará o seu horario habitual ás tardes e mesmo ás fins de semana.

Os interesados en acudir a calquera destas actividades só teñen que poñerse en contacto co departamento de Medio Ambiente no teléfono 982 22-78-12 ou a través do enderezo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org. A inscrición é totalmente gratuíta.