Deputación de Lugo

Récord da exposición Pasado e presente da olería en Lugo logo de recibir preto de 1.000 visitas nun só mes

Os datos converten a esta mostra na máis exitosa das organizadas nos últimos tempos na Capela de Santa María, e demostra o interese dos lucenses pola súa tradición artesanal A mostra reuniu 140 variadas pezas de olería e pechou o pasado día 3, logo de ter que ampliar o horario de visitas, para dar paso a unha nova exposición esta mesma semana

Pasado e presente da olería en Lugo vén de converterse na exposición máis exitosa das que ten acollido a Capela de Santa María nos últimos anos. Dende a data da súa inauguración, o 30 de xaneiro, ata a clausura do pasado día 3, esta mostra de homenaxe ó legado cultural e etnográfico que a olería supón para provincia de Lugo, acadou preto de 1.000 visitas.

Se ben esta cifra soe ser alcanzada e, habitualmente, superada polas exposicións que de xeito habitual organiza a Deputación de Lugo no espazo expositivo da Capela, estas logran este número de visitas logo de permanecer abertas ó público durante dous ou tres meses. A Deputada da Área de Deseño e Artesanía, Regina Polín, destacou a satisfacción que supón para os responsables provinciais, á vista do interese suscitado por esta mostra, constatar que “os lucenses valoran o traballo que estamos levando a cabo para defender e preservar o noso patrimonio cultural porque saben que a nosa tradición artesanal é un elemento fundamental da identidade da provincia”

Exposición e homenaxe

Pasado e presente da olería en Lugo inaugurouse o 30 de xaneiro cun acto que se converteu nunha emotiva homenaxe ós oleiros Nicanor Lombao e Manuel Iglesias, de Bonxe; Carlos Iglesias, de Samos; Agapito González, Obdulia Rodríguez e Daniel Rodríguez, de Gundivós, así como a Luciano García Alén, por ser testemuña e salvagarda dun saber tradicional.

A mostra amosou 140 pezas elaboradas nas catro comarcas oleiras da provincia –Gundivós, Samos, Bonxe e Mondoñedo-, a maior parte das cales procedían de coleccións particulares, e entre as que destacaban obxectos que ben poderían formar parte de museos pola súa orixinalidade e antigüidade, como dúas “ámboas” datadas nas primiras décadas do século XVIII. A exposición completouse con paneis explicativos e material audiovisual acerca pezas, dos elementos diferenciadores das catro comarcas oleiras edo propio traballo dos artesáns.

Logo de ter que ampliar o horario de apertura esta fin de semana ante as numerosas peticións do lucenses que non puideran achegarse ata a Capela para admirar as pezas expostas, o día 3 Pasado e presente da olería en Lugo pechou as súas portas para dar paso a unha nova mostra que se inaugurará o vindeiro día 7, conmotivo da celebración do Día Internacional da Muller.