Deputación de Lugo

Rapaces do IES Leiras Pulpeiro coñecen de primeira man o traballo dos profesionais do audiovisual coa Fundación TIC

O subdirector e unha alumna da Escola de Imaxe e Son respostaron ás cuestións plantexadas por alumnos do instituto interesados nas artes audiovisuais A pesares de estar dirixidos nun principio ós alumnos de 2º, a curiosidade espertada levou a participar na xornada mesmo a rapaces de 1º de BAC

Hoxe tivo lugar no IES Leiras Pulpeiro da capital luguesa a primeira das xornadas de orientación organizadas pola Fundación TIC, destinadas a dar a coñecer a Escola de Imaxe e Son (EIS) entre os alumnos de 2º de BAC da provincia, que se enfrontan á decisión de escoller a especialidade na que se formarán nun futuro próximo.

O subdirector da Escola, José Domingo, e Lara Quiñoá, unha das alumnas formadas no ciclo de Realización, foron os encargados de inaugurar esta iniciativa. Tras expoñer o modelo formativo da EIS, que combina a parte teórica cunha destacada parte práctica, explicaron ós rapaces asistentes en que consisten as profesións de produción e realización e as súas saídas no mercado laboral. Os alumnos amosaron un especial interese pola experiencia práctica que a Escola lle facilitou a Lara Quiñoá, e que a levou a traballar no mundo da televisión, grazas ó cal enriqueceu o seu currículo de cara á súa futura incorporación laboral.

De feito, esta xornada, que inicialmente estaba dirixida a alumnos de 2º de BAC, xerou un gran interese entre os rapaces doutros cursos do instituto, coma os alumnos de 1º, que tamén quixeron estar presentes e informarse da actividades da Escola de Imaxe e Son de Lugo.

A experiencia continuará ata o vindeiro día 11 de maio noutros institutos da provincia. Os centros de secundaria interesados en participar aínda poden poñerse en contacto coa Fundación TIC a través do número de teléfono 982 284 667 ou achegarse á súa sede, na rúa Frei Plácido Rei Lemos, en Lugo.

As charlas complétanse coa proxección dun vídeo sobre a Escola, a entrega ós alumnos dun dossier con información e formularios de preinscrición para o curso 2013-2014.