Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo ofreceu formación gratuíta en profesións de futuro a 15 desempregados lucenses

A Vicepresidenta Segunda fará entrega hoxe dos diplomas acreditativos ós 15 participantes no curso Auxiliar de Enfermería en Xeriatría, co que adquiriron ampla formación específica nun dos sectores de maior índice de creación de emprego na provinciaEsta acción facilitou preto de 400 horas de formación teórica específica a cargo de profesionais da Enfermería ou da Fisioterapia, así como prácticas en 5 recoñecidas empresas do sector, ademais dunha ampla formación en técnicas de busca de emprego

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, entregará este xoves os diplomas acreditativos da asistencia e o aproveitamento ós 15 beneficiarios da acción formativa Auxiliar de Enfermería en Xeriatría, impartida pola institución provincial. Entre os meses de agosto e novembro do pasado ano, 15 lucenses desempregados accederon de xeito gratuíto a preto de 400 horas de formación teórica e práctica en coidados ós maiores, un dos sectores de mellor inserción laboral hoxe en día, especialmente nunha provincia coma Lugo, que presenta o maior índice de envellecemento das provincias galegas xunto coa de Ourense, con preto dun 30% de maiores de 65 anos, dos cales case o 50% son dependentes.

Precisamente Méndez destacou que os chamados empregos brancos –os relativos á prestación de coidados sociosanitarios-, “son un dos poucos que seguen a xerar emprego e nos que se ten constatado un aumento tanto en número de traballadores coma de empresas que prestan servizos neste eido dende o comezo da crise”, cuns incrementos dun 26% e dun 5,5% dende o ano 2008, respectivamente. As previsións tamén son positivas: ata o 2015 prevese unha xeración de, a lo menos, 200.000 postos de traballo adicionais.

A Vicepresidenta lembrou que a institución provincial aumentou un 12% os fondos para servizos sociais en 2013, a maiores de consignar preto de 15 millóns de euros para a execución de residencias da terceira idade e centros de día próximos ós fogares dos usuarios, porque “non é só unha aposta polo benestar social, senón que tamén son un futuro de emprego”

Formación teórica e prácticas en empresas

Este curso conta coa particularidade de que é clave para poder continuar o itinerario formativo na familia profesional denominada “Servizos á comunidade” para aquelas persoas que carecen das Competencias Clave ou da titulación mínima esixida de Formación Profesional de I Grao ou equivalente.

Deste xeito, os participantes, que tan só debían posuír o Certificado de Escolaridade, contaron cun equipo de formadores de calidade composto por profesionais de diferentes disciplinas coma Fisioterapia ou Enfermaría, así como por técnicos especializados en inserción laboral, que complementaron os contidos específicos do curso con outros de carácter xeral e práctico enfocados á busca de emprego, coma o mellor xeito de elaborar un currículo ou como e onde buscar traballo, ben de xeito presencial ou ben co uso de ferramentas web.

Unha vez finalizada a parte teórica, a formación complementouse con prácticas en cinco recoñecidas empresas do eido sociosanitario, o que permitiu ós beneficiarios aplicar os coñecementos adquiridos e contar cunha experiencia previa que pasará a formar parte do seu currículo de cara á súa futura inserción laboral.