Deputación de Lugo

Arrincan as xornadas de formación en e-comercio orientado á venda de produtos autóctonos

O Centro de Innovación Social InLugo acolle a primeira das xornadas de Técnicas de comercialización dos produtos das Reservas da Biosfera, na que se abordarán os mecanismos de dinamización da actividade social, cultural, turística e económica das Reservas.A programación continuará ata o vindeiro día 22 coas ponencias de expertos que analizarán os produtos e recursos susceptibles de ser comercializados, así como as ferramentas máis efectivas para acadar a maior difusión e rendabilidade económica

Esta tarde dá comezo o ciclo formativo Técnicas de Comercialización dos produtos das Reservas da Biosfera, organizado pola Deputación de Lugo no Centro de Innovación Social In Lugo, para impulsar o comercio on line dos produtos autóctonos propios das Reservas da Biosfera de Terras do Miño e Os Ancares, xa que este novo xeito de comercialización pode supoñer unha ferramenta económica de primeiro nivel para estes territorios.

A modo de introdución ó tema central deste plan formativo, os expertos analizarán algúns dos mecanismos de dinamización da actividade social, cultural, turística e económica das Reservas da Biosfera. En concreto, o papel dos monitores-guías medioambientais, as cales levan a cabo unha labor fundamental para a recompilación e posta en valor dos recursos paisaxísticos, ambientais e etnográficos dos territorios das Reservas, esencial para fomentar un turismo sostible e de calidade. Un “ecoturismo” que contribúe ó desenvolvemento económico destas zonas, mediante a dinamización do mercado laboral dun xeito respectuoso coa natureza e a cultura local.

O potencial das novas tecnoloxías

Tras este achegamento á realidade das Reservas e os recursos que estas poden ofrecer, en vindeiras sesións falarase acerca das claves para o aproveitamento do potencial que ofrece o comercio electrónico. Atendendo ós datos facilitados polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, do Ministerio de Industria, a facturación en Galicia do mercado on line alcanzou os 700 millóns de euros no ano 2011. O e-comercio é un mercado cuxo volume de negocio, así como a diversificación dos produtos á venda, non deixa de medrar nun momento marcado pola crecente tendenza entre os consumidores, que desexan acceder a produtos naturais e de calidade directamente dos produtores.

Os expertos animan ós produtores a sumarse ó comercio electrónico polo feito de que, non só é fundamental conseguir un posicionamento a nivel imaxe na Rede, senón que este pode reportar outro tipo de vantaxes. Entre estas hai que destacar o aumento do valor de marca e a posibilidade de ofrecer prezos máis competitivos pola eliminación dos intermediarios. Do mesmo xeito, para os potenciais clientes, o e-comercio supón máis comodidade e optimización do gasto, pola posibilidade de acceder a diferentes proveedores de forma simultánea.

A Deputación de Lugo vén apostando dende hai tempo por este novo xeito de facer negocios. Especialmente destacada é a plataforma www.losproductosdelugo.com, que xa conta con 100 empresas adheridas –preto dun 60% ubicadas nos territorios das Reservas-, que poñen á venda uns 800 produtos e servizos, contando mesmo cunha liña de venda de produtos en frío.

Nas vindeiras xornadas, outros destacados expertos ofrecerán as claves para entender as características das propias Reservas: a historia, riqueza natural, etnográfica e cultural de Terras do Miño e Ancares. Estas dúas Reservas están conformadas por terras dos Concellos de Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo, Láncara, Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá. Estes tres últimos forman parte da Reserva de Ancares.