Deputación de Lugo

A Deputación prestou asistencia xurídica o pasado ano a 49 Concellos en 366 preitos, aforrándolles un mínimo de 500.000 euros

O Deputado de Cooperación fixo balance deste servizo provincial, destacando que a gran maioría dos procesos atendidos foron contenciosos, cun 73%, seguido dos sociais, cun 19%, mentres que as materias predominantes foron o urbanismo, licencias ou expropiacións Ademais da representación en preitos, 33 Concellos solicitaron 54 informes xurídicos, ben pedindo asesoramento legal sobre cuestións municipais, ou ben por ser preceptivos para continuar coa tramitación dun proxecto, como son os de incidencia medioambientalÁlvaro Santos destacou que esta memoria de actividades “pon de manifesto que a cooperación que impulsamos dende a Deputación é determinante para que os Concellos poidan aforrar cartos, e mellorar a súa xestión e a calidade dos servizos públicos”

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, fixo balance este luns en rolda de prensa da asistencia xurídica que, gratuitamente, a Deputación lle prestou o pasado ano 2012 ás entidades locais da provincia. Segundo informou o delegado, a Asesoría Xurídica do organismo provincial asistiu o pasado ano a 49 Concellos nun total de 366 preitos, aforrándolles deste xeito un mínimo de medio millón de euros. Álvaro Santos explicou que “esta sería a cantidade que, como mínimo, terían que asumir os municipios soamente en custas procesuais, segundo táboas de valoración oficial. Isto sen ter en conta os honorarios dos avogados, que son difíciles de estimar no mercado, e cos que a contía aforrada é, sen dúbida, moi superior”.

Santos subliñou a importancia deste servizo xurídico, indicando que “na maior parte dos casos, os Concellos non terían capacidade económica, nin recursos humanos propios para poder levar estes procesos xudiciais, polo que, non soamente lles aforramos cartos, senón que, grazas á Deputación, poden defender con garantías a súa xestión, os seus intereses, e, en consecuencia os da cidadanía”.

Os 49 Concellos que solicitaron á Deputación asistencia en materia xurídica en 2012 representan o 73% dos da provincia, e son 12 máis que os que pediron este servizo no ano 2011, apuntou Santos, quen destacou que a gran maioría dos procesos atendidos foron contenciosos, cun 73%, seguidos dos da xurisdición Social, cun 19%; a Civil, cun 7%, e a Penal, cun 1%.

En canto ás materias, no caso dos Contenciosos, o urbanismo, licencias, expropiacións e reclamacións patrimoniais son as máis frecuentes; na vía Civil, a maioría dos casos están vinculados con procesos concursais de empresas e débedas que manteñen coas administracións locais; e a Social son os relativos a preitos laborais.

Ademais da representación en preitos, 33 Concellos demandaron 54 informes xurídicos, na metade dos casos sobre cuestións urbanísticas e medioambientais. Estes informes son de dous tipos: ou ben os Concellos piden asesoramento legal sobre cuestións de transcendencia municipal co fin de adoptar a decisión máis axeitada ó respecto; ou ben solicitan un informe que é preceptivo para continuar coa tramitación dun proxecto, como poden ser, por exemplo, os informes de incidencia medioambiental.

“Somos útiles á provincia pola vía da eficacia”

Álvaro Santos destacou que esta memoria de actividades sobre asistencia xurídica pon de manifesto, unha vez máis, “a máxima de que xuntos aforramos máis”, e que “a cooperación que impulsamos dende a Deputación de Lugo resulta determinante para que os Concellos poidan reducir custes, e mellorar a eficiencia na súa xestión e a calidade dos servizos públicos. Demostramos, de novo, que somos útiles á provincia pola vía da eficacia”.

A Cooperación e Asistencia ós Concellos “é, de feito, a columna vertebral da nosa acción de goberno, a verdadeira razón de ser desta Deputación”, recalcou o Deputado, lembrando, que, ademais do ámbito xurídico, a asistencia que presta o organismo provincial abrangue moitos outros campos, como, por exemplo, o urbanismo, novas tecnoloxías, medio ambiente, económico-financeira, contratación ou recursos humanos. Neste senso, un dato moi significativo da importancia que o servizo de Cooperación ten para os Concellos é que recibe ó ano unha media de 2.400 consultas de tódalas entidades locais da provincia, agás a de Lugo, pois xa conta cun servizo propio, sobre as máis diversas cuestións.