Deputación de Lugo

Éxito de vendas e prezos na poxa de rubia galega que organizaron Deputación e ACRUGA na Granxa Gayoso

A cotización media das 7 novillas preñadas que foron vendidas alcanzou os 2.250 euros, un nivel moi alto, tendo en conta que o prezo medio das poxas nas que tomou parte ACRUGA o pasado ano situouse nos 1.994 eurosTodos os exemplares procedían do rabaño de elite do centro de recría no que a Asociación de Criadores, en colaboración co organismo provincial, traballa dende 2007 nun proceso de selección dos mellores animais para cubrir a demanda das explotacións

A poxa de rubia galega que organizaron este mércores na Granxa Gayoso Castro a Deputación de Lugo e a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA) resultou un éxito de vendas e prezos. O Deputado de Economía Rural e do Mar, José Fernández, acompañado do presidente de ACRUGA, César Dorado, asistiu á celebración da subasta, na que se adxudicaron 7 das 8 novillas preñadas ofrecidas, a un prezo medio de 2.250 euros, un nivel moi alto tendo en conta que o prezo medio das poxas nas que tomou parte ACRUGA o pasado ano situouse nos 1.994 euros.

Para os responsables de ACRUGA as boas vendas responden a varios factores. Por unha banda xogan un papel fundamental as excelentes características xenéticas, morfolóxicas e sanitarias das oito novillas presentadas a subasta. Todos os animais proceden do rabaño de elite do centro de recría, onde ACRUGA en colaboración coa Deputación de Lugo traballa dende 2007 nun proceso de selección dos mellores animais para cubrir a demanda das explotacións de rubia e tamén dos novos gandeiros que están a incorporar esta raza ás súas explotacións. Os animais presentados pasaron xa un proceso morfolóxico, un exame sanitario e proceden ademais de reprodutores con bos índices xenéticos, o que é toda unha garantía para os compradores.

En segundo lugar, está é unha boa época para a adquisición de animais, xa que moitos gandeiros teñen que xustificar un determinado número de exemplares para optar ás subvencións, mentres que, por último, na subasta deste mércores os compradores recibiron unha axuda de 300 euros de Caixa Rural Galega pola adquisición da cada novilla.

A terceira na Granxa

A subasta celebrada hoxe na Granxa Gayoso Castro é a terceira que ACRUGA leva a cabo nestas instalacións da Deputación de Lugo. A idea de facer nestas instalacións unha poxa dirixida especialmente ós gandeiros lucenses ten unha finalidade importante, como é a de dar a coñecer ós gandeiros o traballo que se está a desenvolver neste centro de recría, cuxa ampliación está en marcha, o que converterá ó de Gayoso Castro no primeiro centro de recría público do país. A busca dos mellores exemplares neste centro para levar fóra de Galicia e presentar ás poxas é un medio para acadar a expansión e a promoción da raza rubia galega, entendido isto como un dos principais obxectivos de ACRUGA.

Polo de agora, os resultados neste campo son máis que satisfactorios, xa que cada ano aumentan os animais presentados a subastas e tamén os que finalmente son adxudicados.

Tamén se está a producir un incremento nos prezos medios acadados coa venda de exemplares de rubia galega nas distintas feiras e poxas que se realizan ó longo do ano. Neste sentido, hai que destacar que as cotizacións aumentaron moito entre 2008 e 2010, mentres que nos últimos tres anos se rexistraron incrementos máis leves. Na actualidade o censo de rubia galega na Granxa é duns 200 exemplares.