Deputación de Lugo

A Deputación, 1ª de Galicia en activar unha aplicación gratuíta para móbiles coa que os veciños avisarán de incidencias na provincia

A App A Deputación no teu móbil serve tamén para inscribirse en actividades e cursos da institución provincial, ademais de consultar as últimas noticias relacionadas coa entidade e acceder a tódalas redes sociais nas que está presente Con esta nova ferramenta tecnolóxica, activada hoxe, “marcamos un antes e un despois na relación entre os cidadáns e a administración, e avanzamos na senda do Goberno aberto, transparente e máis útil para os veciños”, subliñou o PresidenteGómez Besteiro anunciou que as preto de 200 prazas do congreso #INLUGO esgotáronse en tan só 6 horas, polo que “faremos o esforzo de habilitar outra sala e abrir un segundo prazo de inscrición para dar cabida a toda a xente que queira participar”

A Deputación de Lugo activou este mércores unha aplicación gratuíta para dispositivos móbiles que permitirá ós veciños notificar de maneira rápida e sinxela calquera incidencia ocorrida en instalacións e vías públicas, tanto de titularidade do propio organismo lugués, como dos 67 Concellos da provincia. Os cidadáns que descarguen a App, denominada A Deputación no teu móbil, poderán tamén inscribirse en actividades e cursos organizados pola institución provincial, ademais de consultar as últimas noticias da entidade, e acceder á tódalas redes sociais nas que está presente. Así o explicou esta mañá o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, destacando ó mesmo tempo que con esta nova ferramenta dixital “convertémonos unha vez máis nunha institución pioneira na utilización das novas tecnoloxías para prestar un mellor servizo público ós cidadáns, pois somos a primeira Deputación de Galicia que ofrece unha aplicación con estas utilidades e unha das primeiras administracións públicas de toda España en facelo”.

Así mesmo, argumentou Gómez Besteiro, quen estivo acompañado durante a presentación da iniciativa do director do departamento provincial de Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera, “marcamos un antes e un despois na relación entre os cidadáns e a administración, e damos un paso máis na senda do goberno aberto: a nova liña estratéxica sobre a que traballamos na Deputación co obxectivo de mellorar a calidade democrática; a transparencia na xestión; e establecer unha relación interactiva cos veciños para ser máis útiles e responder mellor ás súas necesidades e demandas”.

As utilidades da App

Dende hoxe mesmo, calquera persoa interesada pode descargar a aplicación de maneira totalmente gratuíta, ben no seu teléfono móbil ou na tablet. Para elo, ten que entrar en Apple Store, no caso dos dispositivos móbiles de tecnoloxía Apple; e en Google Play, no caso dos Android. Seguidamente, para buscala, o máis sinxelo e introducir a palabra Lugo ou Deputación de Lugo, pois, deste xeito, será a primeira aplicación que aparecerá.

O uso de teléfonos intelixentes e tablets “está moi estendido”, indicou o Presidente, pero para facilitar aínda máis a utilización desta App móbil, pois pode haber persoas que non teñan este tipo de dispositivos, a Deputación habilitou un acceso directo coas mesmas funcionalidades, a través dun banner, na súa web www.deputacionlugo.org

Os servizos que ofrece a App son os seguintes:

- Comunicación de incidencias: Os veciños poderán notificar, de maneira rápida sinxela, calquera incidencia ocorrida en espazos públicos, tanto de titularidade da propia Deputación, como dos Concellos. Polo momento, hai 19 tipos de incidencias que se poden notificar, pero o abano poderase ampliar. Trátase de: animais abandonados; danos en beirarrúas; desbroce; desratización; pintadas; incidencias en alumeados, instalacións ou vías públicas; inundacións ou escapes de auga; limpeza de rúas; mobiliario; olores; ruídos; sumidoiros; vertedoiro incontrolado; vertido fluvial; xardíns e xestión de residuos.

O usuario debe indicar tamén o seu enderezo electrónico; incluír unha descrición da incidencia e a súa localización, que se fai de maneira automática coa conexión 3G mediante xeolocalización. Toda esta información pódese complementar cunha fotografía.

Unha vez enviada a notificación, esta quedará inmediatamente rexistrada nas bases de datos das institucións correspondente (Deputación ou Concello), que serán as encargadas de resolver o problema á maior brevidade posible. O usuario recibirá unha mensaxe automática cando a súa incidencia quede rexistrada, e haberá unha constante comunicación co usuario.

Neste punto, o director de Novas Tecnoloxías, aclarou que, tal e como figura no aviso legal incluído no programa, a App da Deputación “non é unha páxina para advertir de emerxencias ou urxencias, do tipo das do 112 ou o 061, senón un servizo de comunicación con Deputación e Concellos, para informar de problemas ou incidencias en espazos públicos”. Para garantir a eficacia e o correcto funcionamento desta utilidade, haberá os 7 días da semana un equipo de catro técnicos da Deputación e un coordinador pendentes das necesidades cidadás para notificarllas, ou ben ós servizos do organismo provincial, ou ben ós Concellos.

- Inscrición en actividades e cursos da Deputación: De feito, nestes intres, pódese usar a App para pedir praza nos cursos de emprego provinciais, como os do plan Fórmate en Verde, nas actividades do Centro de Interpretación Terras do Miño ou nas do Centro de Artesanía e Deseño. Pablo Rivera explicou que se ofrecerá tamén ós Concellos a posibilidade de incluír na App cursos que organicen co fin de facilitar a inscrición.

- Consulta de noticias da Deputación e acceso ás redes sociais nas que está presente (blog, Facebook, Twitter, Flickr e YouTube).

A Deputación desenvolveu o proxecto A Deputación no teu móbil a través do plan tecnolóxico Avanza, financiado nun 73% polo Ministerio de Industria.

Responder canto antes

O Presidente recalcou que esta nova canle de comunicación directa e interactiva cos veciños leva consigo dereitos, o dos cidadáns a avisar dos problemas que detecten en instalacións e vías públicas, e deberes, “os que temos as administracións de dar unha resposta canto antes”.

Cubertas todas as prazas do congreso #INLUGO

Por outra banda, aínda que tamén relacionado coa aposta da Deputación pola economía do coñecemento, Gómez Besteiro anunciou que as preto de 200 prazas do I Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO, para o que se abriu o prazo de inscrición este martes, esgotáronse nun tempo récord de tan só 6 horas. “Ante esta extraordinaria acollida, faremos o esforzo de habilitar outro salón, que será o Salón de Actos, onde instalaremos unha pantalla xigante e, coa axuda dos alumnos da Escola de Imaxe e Son, retransmitiremos dende alí as xornadas”, explicou Gómez Besteiro, ademais de avanzar que, co fin de dar cabida a toda a xente que queira participar, mañá xoves abrirase un segundo prazo de inscrición. O mandatario provincial lembrou tamén que, para todos aqueles que queiran ver o congreso dende a casa, emitirase en streaming, é dicir, por Internet, de maneira gratuíta.