Deputación de Lugo

A Deputación aumenta o número de prazas do Surf-Camp pola avalancha de solicitudes e bate o récord con 200 participantes

Mozos e maiores de toda Galicia, Asturias, Santander, Castela e León, Cataluña e Madrid achegaranse esta fin de semana ás praias da Mariña para practicar este deporte da man dunha vintena de estrelas do surf con renome europeoA programación, que arranca hoxe en Ribadeo cunha exhibición de skate, inclúe outras actividades libres e de balde para toda a familia, como paseos en skate eléctrico, segway ou longskate, exhibicións e músicaLara Méndez destacou que o Surf-Camp “marcou un antes e un despois” na Costa lucense, pois, grazas á proxección que acadou no exterior, logrou incrementar a afluencia de turistas fóra de tempada

A Deputación de Lugo decidiu aumentar o número de prazas do Surf-Camp ante a avalancha de solicitudes recibidas para participar nesta 3ª edición, que, deste xeito, baterá o récord ó reunir a máis de 200 anotados, iso sen contar as persoas que decidan gozar das outras actividades que non necesitan inscrición. Deste xeito, mozos e maiores de todo o norte español –Galicia, Asturias, Santander, Castela e León e Cataluña-, así como da comunidade de Madrid, achegaranse esta fin de semana ás praias da Mariña para practicar este deporte da man dunha vintena de estrelas do surf de renome europeo. Un ano máis, o Surf-Camp sitúa á Costa lucense como meca desta modalidade deportiva.

O certame arrancará este venres, ás 19:00 horas, no porto da vila ribadense de Rinlo cunha exhibición de skate. A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, xunto ó Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, e o director do departamento provincial de Fondos Europeos, Pablo Rivera, participarán nas actividades que darán o pistoletazo de saída ás xornadas. Méndez destacou que o Surf-Camp marcou “un antes e un despois” na comarca mariñana, pois “a proxección que conseguiu no exterior grazas ó renome internacional dos surfistas que participan, á gran cantidade de asistentes e ás condicións ideais das praias lucenses para practicar este deporte, logrou incrementar o turismo fóra de tempada, o que repercute na economía da zona”. A iniciativa, engadiu Méndez, confirma “o lecer medioambiental como fórmula eficaz para desestacionalizar o turismo na Costa lucense e poñer en valor a súa riqueza paisaxística”.

Xunto á Vicepresidenta Segunda, estarán representantes dos 7 clubs de surf da Costa lucense, todos colaboradores na organización do evento deste ano, e algúns dos surfistas profesionais participantes. Os clubs mariñanos son os seguintes: Hola!Ola Surf Club de Ribadeo; North Shore Surf Club de Barreiros; Surfiños Surf Club e Sensación Surf Club de Foz; Limosa Surf Club de San Cibrao; e Oxígeno Surf Club e Van Surf Club de Viveiro.

Tralas actividades de hoxe, os pratos fortes do certame terán lugar mañá sábado e o domingo, con exhibicións das figuras do surf participantes, que ademais de demostrar as súa destreza sobre as olas, ensinarán gratis as súas técnicas e coñecementos a todo aquel que o desexe. Repiten nomes propios deste deporte, como Gony Zubizarreta, Aritz Aramburu, Kepa Acero, Hodei Collazo, Adur Letamendía, Indar Unanue ou Pablo Solar, e incorpóranse outras, como Mario Azurza, Jonathan González ou Guillermo Alonso.

Para tódolos públicos

Ademais, as xornadas do Km0 Surf-Camp inclúen outras actividades, tamén libres e gratuítas, e pensadas para toda a familia, como paseos en skate eléctrico, segway, longskate, exhibicións e música.

A programación é a seguinte:

- A xornada do sábado arrancará ás 11:00 horas cunha expression session de surf nos areais de Barreiros, e ás 14:30 horas terá lugar unha comida popular na praia. Pola tarde, a partir das 16:30 horas, as actividades continuarán no paseo marítimo de Viveiro, cun simulador de surf, e percorridos en skate eléctrico, segway e longskate. Dende as 16:30 tamén haberá exhibicións de surf nas praias de Barreiros. As 00.00 terá lugar un concerto do grupo vivariense Sunday Morning Club no pub TRES60 de Ribadeo.

- O domingo, entre as 12:00 e as 14:00 horas, os mellores surfistas de Europa, acompañados de monitores, ensinarán a surcar as olas a todos aqueles que o desexen na praia focense da Rapadoira. Más de 100 persoas teñen solicitado a día de hoxe o préstamo gratuíto de material para poder surf, pero os interesados aínda poden facelas reservas chamando ó número de teléfono 982-12-00-64.

As persoas que queiran máis información poden dirixirse á páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org; á web do certame http://km0surfcamp.deputacionlugo.org; ó Twitter, @surfcamplugo; ou ó Facebook http://facebook.com/km0surfcampdeputacionlugo

Proxección

Mostra da proxección que acada este evento é que contará coa presenza de representantes da Federación Española de Surf e de medios especializados neste deporte, como www.fuelsurf.tv; www.surflimit.com; www.costasurf.com; www.aremojo.com ou www.cervezasalada.com atraídos polo número de surfistas do máis alto nivel que se concentrarán na Mariña. Se ben Galicia acolle campionatos de nivel, esta é a única ocasión na que calquera poderá surfear da man de profesionais destacados e recibir as súas ensinanzas, polo que se trata dun evento único na comunidade galega.

Cartel de campións

A boa acollida e a proxección do Surf-Camp reflíctese en que o cartel de campións participantes medra ano tras ano. Nesta terceira edición estarán 18 figuras de primeiro nivel:

- Gony Zubizarreta: o surfista galego máis laureado neste deporte, gañador o pasado ano do San Miguel Zarautz Pro, unha importante proba do circuíto World Qualifing Series Tour (WQS), e 2º clasificado no WQS máis importante para Galicia, o WQS Pantin Classic.

- Pablo Gutiérrez: actual campión de Europa de surf.

- Kepa Acero: inmerso no seu proxecto “5 olas, 5 continentes”, viaxa por todo o mundo descubrindo olas case imposibles de surfear como na Antártida, na que estivo catro veces.

- Adur Letamendía é famoso por surfear grandes olas e actual gañador do evento máis importante de Europa destas olas, o Punta Galega EVE Challenge 2012.

- Marlon Lipke: surfista alemán afincado en Peniche (Portugal) participou no WQS durante anos, acadando o seu paso ó WCT (World Circuit Tour), un nivel ó que moi poucos europeos chegaron.

- Artitz Aramburu: o campión de Europa Profesional 2007 e primeiro español en clasificarse ó WCT encontrou un oco para participar no Surf-Camp.

- Hodei Collazo: un dos grandes do WCT, e 2º do mundo no circuíto junior de 2004.

- Jaji Iglesias, o rei do marketing surfeiro, é un surfista rápido en olas pequenas.

- Luis Rodríguez: o 2º surfista galego máis laureado dos últimos tempos, premiado ó mellor Wipeout durante durante o Punta Galea EVE Challenge 2012.

- Lucía Martiño: campiona de España de surf 2011.

- Dani Aznar: monitor de surf na súa propia escola, amante do surf libre e un artista voando coa súa táboa en xiros impensables.

- Yoli Rodríguez: un dos máximos expoñentes a loitar polo liderado do campionato de surf feminino nos próximos anos.

- Indar Unanue: free surfer, coñecido por loitar contra as olas xigantes de todo o litoral europeo.

- Pablo Solar: actual seleccionador da Federación Española de Sur, e gañador do circuíto nacional durante anos.

- Mario Azurza: máis ben un free surfer que un competidor, conta cun blog que recibe máis de 50.000 visitas anuais.

- Jonathan González: o máis afamado surfista de Canarias, practica este deporte dende os 9 anos e actualmente está realizando o circuíto WQS.

- Guillermo Alonso: surfista asturiano, continuo viaxeiro e flamante gañador do programa televisivo San Miguel, cracks del surf, ten unha escola de surf no seu pobo natal, Ribadesella.

- Garazi Sánchez: surfista vizcaína gañadora do circuíto ESHF, practica este deporte dende os 7 anos.