Deputación de Lugo

O xulgado dá a razón á Deputación e decreta a paralización das obras na Rúa do Mercado de Guitiriz

Imaxe deputación de lugo
O xuíz ordea ademais ó Concello repoñer os elementos arquitectónicos que retirou ata o momento para garantir a seguridade e adecuar a vía ós usos que tiñaMartínez subliña que por “capricho e intereses partidistas”, Teixido fai desfacer unhas obras de 230.000 euros e fai gastar 10.000 euros ós veciños en desmontar esa mesma obra

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou hoxe que o xulgado Contencioso Administrativo de Lugo aprobou a medida cautelar que a Deputación solicitou con respecto á Rúa do Mercado de Guitiriz, decretando a paralización das obras que o Concello iniciou o pasado luns para reabrir a vía ó tráfico. Martínez engadiu que “o xuíz vai incluso máis alá e, acollendo a petición formulada por esta institución, ordea ó Concello a reposición dos elementos arquitectónicos que retirou ata este momento para, apunta textualmente, garantir a seguridade dos peóns e adecuar a rúa ós usos que viña tendo ata o de agora”.

O xulgado dá a razón ó organismo provincial, que o pasado martes presentaba un Contencioso Administrativo porque “o Concello de Guitiriz fixo a sabendas unhas obras ilegais nunha vía da Deputación”. Ademais, a institución pedía medidas cautelares, advertindo en que a reapertura ó tráfico da rúa do Mercado supón un perigo para as persoas e as dotacións físicas (firme, elementos arquitectónicos...), xa que non está adaptada para a circulación continua de vehículos a motor tras a remodelación que acometeu o organismo provincial hai dous anos.

Custes dos “caprichos” de Teixido

Martínez subliñou que “o Alcalde de Guitiriz é o único da toda a provincia que rexeita sistematicamente calquera investimento da Deputación no seu Concello, algo moi grave, sobre todo no momento económico no que estamos. Por exemplo, o centro de día e residencia pública. Coas necesidades que ten Guitiriz e coa grave crise que atravesamos, é indefendible que o Teixido tire os cartos desta maneira. Exclusivamente por un capricho persoal seu, por intereses particulares, o Rexedor fai desfacer unha obra de reforma e dotación de servizos tan importante como a que acometemos na Rúa do Mercado –valorada nuns 230.000 euros-, e fai gastar 10.000 euros ós veciños en desmontar esa mesma obra, iso sen contar todos os custes en avogados que está tendo”.

O voceiro remarcou que “a Deputación non vai a continuar polemizando e buscando o conflicto institución permanente, con fai Teixido, senón que como institución seria e responsable, vai a seguir traballando polos veciños da provincia e defendendo os seus intereses”.