Deputación de Lugo

Besteiro reivindica un Estado Social máis forte e unha 'globalización das respostas' fronte ós retos mundiais do Dereito Penal

O Presidente destacou na clausura das VII Xornadas Xurídicas de Sarria a necesidade de “superar o nacionalismo penal, ante as novas dimensións da delincuencia organizada: terrorismo, explotación de menores, crimes contra a humanidade ou delitos medioambientais” O organismo provincial renovou este ano cunha achega de 6.000 euros a súa colaboración económica coa organización deste prestixioso foro, que mantén dende a primeira edición

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, participou este sábado na Casa da Cultura de Sarria na clausura das VII Xornadas Xurídicas, un acto no que reivindicou un Estado Social máis forte e unha “globalización das respostas” fronte ós retos mundiais do Dereito Penal. Xunto a Gómez Besteiro, estiveron no peche do congreso o Alcalde sarriano, José Antonio García; o presidente do Consejo de Estado, José Manuel Romay Becaría; o ex presidente da Sala Primeira do Tribunal Supremo, Ignacio Sierra; e o presidente do Foro Xurídico Sarriano, Xaime Félix López.

Na súa intervención, o mandatario provincial destacou que debido “á globalización, xerada pola interacción de múltiples e complexos fenómenos de orde económico, político, científico e tecnolóxico, o Estado deixou de ser o que era, é un Estado debilitado na súa eficacia material e simbólica”, unha situación ante a que Besteiro reivindicou o fortalecemento do Estado Social para dar resposta ás necesidades e demandas da cidadanía.

O Presidente subliñou tamén que a mesma crise económica, de dimensións globais, así como a crise política, institucional e moral, “débenos conducir a un debate de enorme calado desde a perspectiva do Dereito Penal: se este, tal e como está articulado, é un instrumento eficaz para a defensa dos bens xurídicos esenciais da humanidade –liberdade, dignidade, igualdade e xustiza- ou, se polo contrario, claudicará fronte ós fenómenos delituosos asociados á globalización que hoxe parece tornarse irreversible”. “Seremos capaces de que, fronte á globalización do crime, se levante unha globalización das respostas fronte ó mesmo?”, preguntouse.

Neste senso, Gómez Besteiro apelou á necesidade de “superar o nacionalismo penal para artellar unha xustiza penal universal”, pois o Estado atópase “desbordado polas novas dimensións da delincuencia organizada: narcotráfico, terrorismo, explotación de menores, trata de escravos e de mulleres, crimes contra a humanidade, delitos económicos, medio ambiente, delitos xurdidos en torno ás novas tecnoloxías da comunicación…”

O titular do Goberno provincial tivo palabras de recoñecemento para o labor de Román García Varela, recén nomeado Fillo Predilecto de Sarria e alma mater das Xornadas Xurídicas de Sarria, que cualificou como “o foro xurídico máis importante que se celebra na nosa provincia e en Galicia, tanto pola temática abordada, como, e moi especialmente, polos relatores”.

A Deputación de Lugo renovou este ano cunha achega de 6.000 euros a súa colaboración económica coa organización deste prestixioso congreso, que financiou dende a primeira edición, dado o seu alto nivel científico-formativo e as grandes oportunidades económicas que supón para a provincia, ó convertela en escaparate dos seus recursos naturais, culturais e gastronómicos.