Deputación de Lugo

A Deputación acusa á Xunta de deixar sen servizos sociais aos concellos con menos de 20,000 habitantes

Mario Outeiro lembra que o organismo provincial adica 2,2 millóns de euros a servizos sociais mentres a Xunta, cun orzamento 100 veces maior, achega cero eurosGarcia Porto esixe a Feijóo que consensúe coa Deputación de Lugo os servizos sociais e o emprego, ao igual que o fixo cos outros organismo provinciais, “dando o mesmo trato aos lucenses que ao resto de galegos”

A Deputación de Lugo urxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a convocar unha xuntanza inmediata para consencuar o cofinanciamento dos servizos sociais en todos os concellos da provincia e da posta en marcha de políticas activas de emprego. Así o manifestaron Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo, e Pilar Porto, delegada de Economía, Recadación e Facenda do ente provincial, despois de que a Deputación fora convocada para mañá, martes 18 de xuño, á sinatura do convenio de servizos sociais e políticas activas de emprego, sen que este fora negociado e consensuado previamente entre ambas partes.

Outeiro denunciou que “o Partido Popula non está disposto a dialogar coa Deputación de Lugo sobre temas tan sensíbeis como a cofinanciación de servizos sociais e comunitarios municipais e a contratación de traballadores e traballadoras en paro” e explicou que “a pesar de que se celebraron xuntanzas entre a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galiza e a Deputación, estes encontros foron infructíferos no senso de que o Goberno galego enviou a representantes sen capacidade negociadora e sen capacidade para tomar decisións.”

Durante a rolda de prensa celebrada esta mañá, Outeiro e Porto recordaron que “o ano pasado a institución luguesa presentou varios informes técnicos con alegacións aos borradores dos convenios que remitiu a Xunta, solicitamos, ata en 7 ocasións unha resposta aos mesmos, pero nunca nos respostaron e iso supuxo que quedasen sen asinar estes convenios e que os lucenses recibisen cero euros para servizos sociais e emprego da administración galega. Pola contra, coruñeses, ourensáns e pontevedreses recibiron máis de 13 millóns de euros porque Feijóo si dialoga coas súas deputacións”.

“A Xunta -puntualizou Mario Outeiro- antepón os seus intereses partidistas aos de milleiros de lucenses que están a ser discrimandos en función do número de habitantes do seu concello. Co convenio proposto consolídase o trato de favor que están a recibir as outras provincias e a marxinación que están a padecer os lucenses dos concellos con menos de 20,000 habitantes, que son todos agás a capital da provincial, e que quedan sen servizos sociais e políticas activas de emprego.”

Desde a Deputación recórdase que en 2012 a institución asumiu servizos como a Axuda no Fogar básica, servizos comunitarios ou escolas infantís, cuxas competencias pertencen á Xunta de Galiza pero das cales se desentendeu traspasándollas ás deputacións sen que, polo menos no caso de Lugo, foran acompañadas de partidas orzamentarias especiais.

Neste senso, Outeiro recalcou “o nulo compromiso do Goberno galego cos lucenses.” Actitude que contrasta co esforzo económico que está a facer a Deputación lucense para garantir servizos sociais vitais para o pobo. Só en Servizo de Axuda no Fogar básico, a área de Benestar Social dedicou en 2012, 600,000 euros e neste ano está previsto un investimento de 650,000 fronte aos cero euros aportados pola Xunta. Non é de recibo que a Deputación invista 2,2 millóns de euros en servizos sociais e que o Goberno galego, cun orzamento 100 veces superior ao do organismo provincial, achegue cero euros.”

Pola súa banda, Pilar Porto explicou que xa foi enviada unha carta ao presidente Feijóo “trasladándolle esta petición de xuntanza e demándolle que dea o mesmo trato ós lucenses que ao resto de cidadáns de Galicia. Queremos que se reúna con esta Deputación, ao igual que fixo cos restantes organismos provinciais, tal e como deron conta os medios de comunicación, para, en base ás necesidades dos lucenses, acordar o financiamento que debe conceder cada administración para garantir os servizos sociais e as políticas activas de emprego. Queremos dialogar e buscar consenso”.

Un dos asuntos “prioritarios” que quere tratar a Deputación nesta reunión urxente que solicita ao Presidente da Xunta é a creación dun convenio de colaboración para servizos sociais e outro para políticas activas de emprego, tendo en conta que a Xunta unifica ambas as dúas materias nun único texto. “Creemos que é fundamental diferenciar ambas as dúas cuestións, e máis neste momento de crise, coa maior tasa de paro na historia e cos recortes dos Goberno Central e Autonómico que debilitan o noso Estado do Benestar, para consolidar estas prestacións ós veciños” - concluíu Pilar Porto.