Deputación de Lugo

45 rapaces participan dende hoxe nas actividades de verán organizadas no CENTRAD pola Deputación de Lugo

Cerámica, cestería, artesanía en coiro ou graffitti son algúns dos obradoiros nos que tomarán parte, ata o vindeiro día 12 de xullo, a 1ª quenda do total de 90 nenos participantes

Os Obradoiros Infantís de Artesanía, a iniciativa posta en marcha pola Deputación de Lugo para dar a coñecer o patrimonio cultural lucense entre os máis novos e axudar a conciliar a vida familiar e laboral durante as épocas de lecer escolar, celebran dende hoxe unha nova edición marcada novamente polo éxito, tal e como adoita que colleita dende os seus comezos, no Nadal de 2011.

Os primeiros 45 rapaces de 5 a 15 anos, dun total de 90, participan ata o vindeiro día 12 en tres obradoiros con temáticas adaptadas ás súas idades. Así, os rapaces de 5 a 8 anos participarán nas actividades “Iniciación á cerámica” e “Crear e reciclar”. No primeiro deles poderán modelar arxila con diferentes ferramentas, para elaborar obxectos que cocerán nos fornos da aula de cerámica e no segundo confeccionarán obxectos con materiais de refugallo. Os nenos de 8 a 11 anos tomarán parte en “Artesanía en coiro” e “Iniciación á cestaría”, obradoiros nos que poderán fabricar os seus propios obxectos neste material e aprender a traballar con diferentes fibras naturais. Finalmente, os de 11 a 15 anos terán a posibilidade de empregar sprays para facer as súas obras en paneis de DM no obradoiro de “Graffiti”, e no de “Fai o teu pano de feltro”, aprender a esquilar unha ovella e lavar, tinguir e cardar a lá para fabricar unha peza deste material natural.

Estas mesmas actividades, todas gratuítas, serán as que terán á súa disposición os outros 45 rapaces que participarán na quenda previstas para a segunda quincena no mes de agosto.