Deputación de Lugo

A Deputación estrea as actividades das Mañás Artesás no Rato

Imaxe deputación de lugo
O CENTRAD pón en marcha unha programación de actividades gratuítas de artesanía ó aire libre pensadas para toda a familia os días 22 e 29 de xuño, de 10:00 a 14:00 horas25 nenos de 6 a 12 anos aprenderán a reciclar xogando co obradoiro gratuíto que organiza o Centro de Interpretación os días 22 e 23 de xuño, entre as 11:00 e as 14:00 horas

A Deputación de Lugo ten programadas para esta fin de semana variadas actividades totalmente gratuítas e dirixidas a públicos de todas as idades, as cales combinan artesanía e medioambiente. Trátase da 1ª edición das Mañás Artesás, pensadas para gozar en familia, e o obradoiro Aprendendo a reciclar, para nenos de 6 a 12 anos de idades, organizadas a través do CENTRAD e do Centro de Interpretación Terras do Miño.

As Mañás Artesás teñen coma obxectivo achegar ó maior número de persoas posible as técnicas dos oficios tradicionais, podendo participar de xeito activo en cada unha das actividades programadas. Serán unhas xornadas de portas abertas coas que lucenses de calquera idade poderán pasar unha mañá diferente, observando de preto as demostracións dos artesáns presentes nas carpas instaladas nos exteriores do Centro de Cestaría do río Rato.

Un mestre canteiro, unha cesteira, unha oleira e un artesán do coiro traballarán á vista de todos, atendendo ás preguntas dos interesados e permitindo a súa participación, con independencia das idades. Os asistentes poderán elaborar pequenos obxectos coas súas propias mans, seguindo ás explicacións destes mestres.

As carpas abrirán as portas entre as 10:00 horas e as 14:00 horas, de xeito que para participar só é necesario achegarse ata as inmediacións do río Rato en dito horario. Para os que non poidan asistir o sábado 22, as Mañás Artesás regresarán o vindeiro día 29 de xuño, no mesmo horario e localización, e cunha oferta de que se ampliará coa presenza dun mestre artesán especialista en traballos con terracota.

Aprendendo a reciclar

Por outra banda, e neste caso pensadas para os máis pequenos, o Centro de Interpretación Terras do Miño tamén continúan coa súa oferta de ocio mediambiental, neste caso para nenos.

A deseñadora industrial Marta Rois será a encargada de impartir o obradoiro Aprendendo a reciclar, pensado para que nenos de 6 a 12 anos aprendan, a través do xogo, a importancia de coidar o medio. Descubrirán novos usos para os envases de cartón e papel ou para os tapóns e botellas de plástico, como pode ser o de converterse en divertidos xoguetes.

O obradoiro desenvolverase os días 22 e 23, de 11:00 a 14:00 horas, e ofrece 25 prazas gratuítas. Só hai que encher o formulario dispoñible na páxina www.deputacionlugo.org, na que poderán atopar máis información.