Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo aposta polo ocio medioambiental organizando un concerto gratuíto ó aire libre na zona do Rato

O recital do grupo Clave de FaDo será este xoves, ás 20:00 horas, nos exteriores do Obradoiro de Cestería do CENTRAD, no Rato. A asistencia é libre e gratuítaEsta orixinal actividade pon en valor a riqueza medioambiental da provincia e será prólogo dos actos de inauguración da nova sala da Colección de Instrumentos Musicais do CENTRAD da vindeira semana

A Deputación de Lugo segue apostando polo ocio medioambiental como oportunidade económica para a provincia, organizando orixinais actividades en escenarios naturais da provincia, coma é o caso da zona do río Rato na capital luguesa. Neste caso, trátase da conxunción de música e a natureza, cun concerto ó aire libre do grupo Clave de FaDo, que se celebrará este xoves ás 20:00 horas nos exteriores do Centro de Cestería existente nesta zona, no que desenvolven á súa actividade algúns dos artesáns do Centro de Artesanía e Deseño. A asistencia ó evento é libre e gratuíta.

Este concerto é unha mostra das moitas alternativas posibles para a posta en valor da riqueza natural e paisaxística da provincia polas que aposta a institución provincial, xa que o lecer medioambiental tense revelado coma fórmula eficaz de oportunidades de desenvolvemento económico, especialmente no rural.

Ademais de actividade de lecer, este concerto tamén será prólogo da programación de actos que se celebrarán a partires do día 19 de xuño –e cuxo contido desvelarase nos vindeiros días-, con motivo da inauguración da nova sala da Colección de Instrumentos Musicais do CENTRAD, así coma da renovación da museografía das xa existentes.

Este grupo galego esta formado por Iria Estévez, vocalista; Pepe Piña, intérprete de guitarra e bouzouki; e Gonzalo Piña, á guitarra e ó baixo. Nacido no ano 2009,o conxunto inclúe no seu repertorio habitual música portuguesa e galega, acompañándose de instrumentos pouco habituais para este tipo de composicións. Farán un percorrido polos distintos tipos de fados e as músicas galegas máis poéticas, cunha visión moi persoal que os leva, en ocasións, a reinventar a interpretacións deste tipo de temas musicais.