Deputación de Lugo

Trinta nenos do Concello de Lugo estrean os campamentos medioambientais do Km0 Infantil, para o que quedan 400 prazas

Os rapaces, de entre 6 e 12 anos, gozaron dunha xornada repleta de actividades lúdico educativas na Granxa Garabullos de Cospeito, tras ser recibidos no Pazo de San Marcos pola Deputada de Medio Ambiente Os interesados en participar poden apuntarse ata o vindeiro día 12 de xullo na www.deputacionlugo.org onde atoparán toda a información sobre este programa provincial dirixido a potenciar o lecer medioambiental entre os máis pequenos

Preto de trinta nenos do Concello de Lugo estrearon este martes os campamentos medioambientais do Km0 Infantil, organizado pola Deputación co fin de potenciar entre os máis pequenos o lecer en plena natureza e poñer en valor o medio rural da provincia. Os rapaces, de idades comprendidas entre os 6 e os 12 de idade, foron recibidos no Salón de Actos do Pazo de San Marcos pola Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, para desprazarse despois á Granxa Garabullos de Cospeito, onde gozaron dunha xornada repleta de actividades lúdico educativas. Outro grupo de 30 nenos de Lugo participará mañá no Km0 Infantil; para o xoves anotáronse outros 30 rapaces da ANPA do colexio público de Castro de Rei e o venres, outros 40 nenos do CEIP de Cervantes farán as actividades o venres.

Os campamentos contan con 400 prazas libres, polo que os interesados poden anotarse na páxina web do organismo provincial, www.deputacionlugo.org onde atoparán toda a información sobre este programa dirixido ós máis pequenos, que financia nun 80% a Unión Europea a través do plan Lug02. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 12 de xullo. Na web tamén encontrarán o escrito de autorización paterna, que, ben poden enviar vía on line, xunto ó formulario de inscrición, ou ben entregalo en persoa antes do inicio das actividades. Presentar esta autorización é obrigatorio.

Os nenos poden escoller entre dúas alternativas, ambas en pleno corazón da Reserva da Biosfera Terras do Miño:

- A Granxa Garabullos, situada en Cospeito, onde as actividades terán lugar entre hoxe e o 15 de xullo. Trátase dun centro de lecer educativo que ten como obxectivo dar a coñecer o medio ambiente e as súas potencialidades, e favorecer o compromiso coa conservación do rural.

- O parque Avifauna de Outeiro de Rei, no que haberá actividades entre os días 16 e 19 de xullo. Avifauna é un centro de interpretación que conta con 500 aves de máis de 200 especies diferentes, representativas dos 5 continentes. As características deste parque zoolóxico fano único na comunidade galega, e un dos poucos de España.

Rutas, obradoiros, xogos e danzas

Durante toda a mañá, os rapaces, acompañados en todo momento por monitores, fan rutas guiadas, obradoiros, xogos e danzas, “todo co obxectivo de que aprendan a valorar a riqueza natural da provincia en xeral, e da Reserva Terras do Miño en particular, e converterse en pequenos embaixadores da nosa provincia; comprendan a importancia de vivir en harmonía coa natureza; e se comprometan coa conservación dos espazos naturais”, destacou a Deputada de Medio Ambiente.

Transporte gratuíto

Os participantes contan con servizo de autobús gratuíto desde Lugo para desprazarse ó lugar dos campamentos –Cospeito ou Outeiro de Rei-. En todo caso, se se xunta un grupo de entre 20 e 45 rapaces da mesma zona da provincia, fretarase un autobús para recollelos, tamén gratuitamente, nalgún punto desa zona no que lles veña ben a todos.

Para obter máis información, os interesados poden chamar ós números de teléfono 982-26-00-75/79, ou enviar un correo electrónico a km0infantil@deputacionlugo.org