Deputación de Lugo

A Deputación potencia a actividade do comercio lucense cun traballo audiovisual sobre a III Noite Aberta

Regina Polín entrega hoxe ós 68 establecementos participantes un DVD elaborado por profesionais e bolseiros da Fundación TIC coas mellores imaxes do certame, organizado pola Asociación de Autónomas de LugoOutras iniciativas de impulso ó pequeno comercio da cidade, como o Street Market ou a Feira Outlet, contan tamén dende os seus inicios co apoio do organismo provincial a través da TIC

A Deputada de Deseño e Artesanía, e patroa da Fundación TIC Regina Polín fará entrega este mércores, ás 20:30 horas, no Salón de Actos da Deputación ós 68 comercios participantes na III Noite Aberta da capital lucense dun traballo audiovisual sobre o certame, elaborado por profesionais e bolseiros da TIC, dependente do organismo provincial. Con esta colaboración, a institución luguesa contribúe a potenciar a actividade do comercio lucense, pois o DVD recolle as imaxes dos mellores momentos do exitoso evento, organizado pola Asociación de Autónomas de Lugo.

Os profesionais desprazados para elaborar este material promocional e carta de presentación da Noite Aberta distribuíronse en sete equipos compostos por produtor, realizador, reporteiro, técnico de son e tres operadores de cámara, que foron testemuñas coas súas cámaras da intensa actividade que se viviu durante a última edición desta iniciativa, impulsada por Deputación, Concello e Asociación de Autónomas, para revitalizar a actividade comercial na cidade de Lugo.

Numerosas colaboracións coas Autónomas

A Deputación de Lugo vén colaborando coa Asociación de Autónomas de Lugo na Noite Aberta dende a súa primeira edición, sendo este un dos varios proxectos postos en marcha por este colectivo que contan co apoio da institución provincial dende os seus inicios. Deste xeito, eventos pensados co obxectivo de dinamizar o pequeno comercio da cidade, como a Feira Outlet ou o Street Market, tamén contan coa colaboración da Deputación a través da Fundación TIC, dándolles cobertura mediática co fin de promover a súa difusión entre lucenses e foráneos.

Isto é posible grazas ó convenio de colaboración que a Fundación mantén con esta asociación para dar a coñecer o seu labor, ó tempo que serve de formación práctica dos estudantes da Escola de Imaxe e Son (EIS) -o único centro público da provincia que imparte ensinanzas da rama audiovisual- para facilitarlles o acceso ó mundo laboral.