Deputación de Lugo

A Deputación non financiará os GES dos tres Concellos que cometeron graves irregularidades na selección do persoal, avaladas pola Xunta

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial tomou esta decisión tras constatar na reunión da Comisión de Seguimento desta mañá que a Administración autonómica “permite e avala” as anomalías recoñecidas polos propios Alcaldes de Guitiriz, Quiroga e O CourelNo caso courelés, tras saberse que a Alcaldesa contratou á súa propia irmá, agora coñécense outras irregularidades, pois tamén entrou no grupo de emerxencias un primo carnal do seu marido, e as persoas restantes son todas afíns ó PPJosé Luis Raposo denuncia que a acta da primeira Comisión non recolleu o tratado na mesma, reprochando á Xunta que non aceptase a súa petición de gravalas para evitar futuras terxiversacións do acontecido nas xuntanzasTamén advirte de que a composición do órgano de seguimento “incumpre a regra básica de que todas as institucións teñan o mesmo número de representantes”, o que “perxudica á Deputación de Lugo e pode supoñer que todo o acordado sexa inválido”

A Deputación de Lugo “non pagará nunca nada ilegal”. Por iso, non financiará os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) dos Concellos Guitiriz, Quiroga e O Courel, pois cometeron -e así o recoñeceron os seus propios alcaldes e a Xunta de Galicia- graves irregularidades na selección do persoal destes equipos. O organismo provincial tomou esta decisión despois de constatar na reunión da Comisión de Seguimento do convenio para despregar os GES celebrada na mañá deste venres en Santiago que a Administración autonómica “permite e avala” ditas anomalías, e non está disposta a esixir a súa rectificación: o Concello de Guitiriz alterou as bases da selección, cando deben ser “comúns para todos e públicas”; e os de Quiroga e O Courel fixeron concursos de méritos, en vez de oposicións, como establece o convenio. No caso courelés, tras saberse que a Alcaldesa contratou á súa propia irmá, agora coñécense outras irregularidades, pois tamén entrou no grupo de emerxencias un primo carnal do seu marido e outras persoas afíns ó PP, que estiveron xa traballando noutras ocasións para o Concello.

Así o explicou o Deputado provincial e membro da FEGAMP José Luis Raposo, quen participou na xuntanza, ademais de recalcar que, “mentres estes tres municipios non rectifiquen e non axusten a súas actuacións literalmente ó texto do convenio asinado por Xunta, FEGAMP e Deputación”, a entidade luguesa non lles fará as achegas “porque non están cumprindo coa legalidade, pero tamén para non discriminar ós Concellos que si cumpren e actúan conforme ó acordo”. “O cumprimento dos convenios non pode quedar ó libre albedrío da decisión unilateral dunha das partes. Estase a quebrantar unha regra básica do sistema de relacións bilaterais, mesmo sancionado polo Dereito civil”, subliñou.

Total permisividade da Xunta

Raposo censurou a “total permisividade” mostrada pola Xunta en todo este proceso cos “concellos da súa cor política, pois non só tratou desesperadamente de xustificalos, cambiando continuamente de versión, senón que quixo evitar por tódolos medios que na Comisión de Seguimento se tratase o acontecido en Guitiriz e Quiroga. Tivemos que forzar o debate na reunión de hoxe, pois a pesar de pedírllelo formalmente, non incluíron este punto na orde do día”.

O Deputado denunciou, por outra banda, que a acta da primeira Comisión, celebrada o pasado luns, non recolle o tratado na mesma “ó non incluír literalmente as manifestacións feitas segundo as que se acordaba suspender a selección de persoal no Concello do Courel e a paralización para un posterior estudo dos correspondentes a Guitiriz e Quiroga”. Por iso, “non entendemos por que hoxe rexeitaron a nosa petición de gravar todas as xuntanzas para evitar futuras terxiversación do acontecido nelas”, indicou.

Posible invalidez

Outras das eivas denunciadas polo organismo provincial na Comisión de Seguimento de hoxe, e que tumbou tamén a Xunta, é que a composición do propio órgano “incumpre a regra básica da paridade entre institucións, é dicir, que todas teñan o mesmo número de representantes, perxudicando deste xeito á Deputación ó recortarlle a representación que lle corresponde á Deputación como entidade que cofinancia o convenio”, argumentou Raposo. “Antes de tomar decisións debería precisarse a composición da mesma. Se non se fai deste xeito, pode haber consecuencias xurídicas e que todo o acordado teña causa de invalidez”, aseverou.

A Deputación aclara así mesmo que a Comisión non ten potestade para adoptar decisións, senón para “interpretar o convenio ou velar polo seu cumprimento, e propoñer as medidas necesarias para garantir o exercicio das competencias de cada unha das partes”.