Deputación de Lugo

O Barco Muralla cerra a temporada estival cunha afluencia de público próxima ás 3000 persoas

Dende cativos de poucos meses ata os máis maiores achegáronse ó Barco para desfrutar en familia coñecendo a riqueza ecolóxica da provinciaUn lucense de 95 anos presentouse no Barco da Deputación para participar das actividades lúdico medioambientais que se ofrecenGran cantidade de persoas pasáronse por O Incio e Meira a pasada semana nas últimas citas da embarcación deste verán

Outro ano máis a Deputación de Lugo puxo a disposición do público o Barco Muralla, co obxectivo de dar a coñecer toda a riqueza medioambiental da provincia. Trátase dunha aula turístico-medioambiental que percorre as estradas dos concellos lucenses amosando os recursos naturais da provincia. Este ano, preto de 3000 persoas achegáronse ata a embarcación para coñecer a través do numeroso material didáctico toda a riqueza natural lucense.

A pasada semana, o Barco estivo en O Incio e Meira, onde dende nenos de poucos meses ata maiores de 95 anos se pasaron por alí. A gran afluencia de persoas nestes dous lugares pon de manifesto tanto o éxito da iniciativa, como o interese dos asistentes cara o medio ambiente, onde familias enteiras puideron compartir bos momentos coñecendo a riqueza ambiental da provincia. A embarcación leva percorrido, ademais de O Incio e Meira, Guitiriz, Burela e Monforte de Lemos dentro do seu itinerario de verán, dando conta a milleiros de persoas do patrimonio ecolóxico lugués, ó aproveitar a súa visita a Lugo durante a tempada estival. Para elo, o Barco Muralla está levando a cabo diversas actividades para público de todas as idades, tanto no interior como no exterior da nave. Deste xeito, fóra sitúanse os talleres de traballos manuais para nenas e nenos, así como un apartado de reciclaxe onde os máis pequenos poden comezar a concienciarse na defensa do medio ambiente.

No interior da embarcación, os asistentes poden informarse sobre a diversidade ambiental da provincia, ó contar cunha sala con ordenadores portátiles. Contigua á sala de informática, tamén se atopa unha sala na que se expoñen vídeos con material informativo editados por membros da Fundación TIC, organismo dependente da Deputación. Ademais, dous monitores están a guiar en todo momento a todos os asistentes, que tamén dispoñen de dípticos de información sobre as Reservas da Biosfera, e iniciativas empresariais ou formativas relacionadas co medio ambiente. O Barco Muralla é unha iniciativa que se enmarca dentro do programa Lug0₂, financiado nun 80% por fondos europeos, que impulsa o medio ambiente como oportunidade económica.