Deputación de Lugo

Ducias de persoas achegáronse ó 1º Encontro de Cociña Solar na provincia que organiza a Deputación

O encontro, totalmente gratuíto para os participantes, incluíu un obradoiro sobre a construción dunha cociña solar, unha exposición de fornos solares e unha conferencia As prazas ofertadas para este obradoiro completáronse na súa totalidade o que pon de manifesto o interese dos veciños polas enerxías limpasA Deputación de Lugo é a primeira administración pública en Galicia que apoia unha iniciativa destas características, dentro da súa aposta polo medioambiente para xerar riqueza na provincia de xeito sostible

A Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín, participou na tarde deste xoves no 1º Encontro de Cociña Solar que se celebra en Galicia e que organizou a Deputación de Lugo na Praza de San Marcos . Ducias de persoas participaron activamente nos obradoiros onde se aprendeu cal é o procedemento para construír unha destas novidosas cociñas. O ente provincial valora positivamente esta iniciativa, que busca solucións enerxéticas limpas e eficaces para frear os problemas relacionados co consumo eléctrico, e que prexudican gravemente ó medio que nos rodea. Polín salientou que “ as institucións públicas deberían incentivar este tipo de eventos e darlle a maior difusión posible entre as persoas, para deste xeito incentivar o uso de novos aparellos que non sexan prexudiciais para a natureza. A Deputada engadiu que “ temos que buscar novas políticas no eido enerxético para combater o proceso de contaminación e ofrecer unha solución eficiente ós países menos desenvoltos”.

Proxectos que espertan grande expectación

A Deputación continúa ofertando actividades que espertan un grande interese entre os lucenses. O primeiro encontro de cociña solar que se organiza amparado por unha institución pública en Galicia tivo unha grande acollida entre a xente que se achegou ata a Praza de San Marcos. Xa dende media maña, cando os técnicos comezaron a instalar os aparellos, curiosos que pasaban por alí non dubidaron en achegarse para saber de primeira man como é o funcionamento destes fogóns solares. Pola tarde, o obradoiro deixou satisfeitas ás persoas que participaron. Ó longo de toda a tarde, os técnicos non cesaron na súa actividade de expansión e informaron dun xeito claro e sinxelo cales son os beneficios directos e indirectos deste novo xeito de cociñar.


Programación do Encontro

A actividade da Cociña Solar que propón a Deputación de Lugo deu comezo ás 16:00 horas cun obradoiro no que se aprendeu como se constrúe unha cociña deste tipo, con custes moi baixos e que ten unha elevada eficacia. Ó remate da actividade, abriuse a exposición pública dos fornos solares e explicouse como é o seu funcionamento.

Cara as 20:00 horas, convocouse unha conferencia na que se falou sobre os tipos de cociña solar que existen e para que serven. A charla vai a cargo do Enxeñeiro e Profesor do Instituto Superior de Engenharia da Universidade do Algarve en Portugal, Celestino Rodrigues Ruivo. O Profesor é unha das máximas autoridades no campo da cociña solar no país luso. Dende 2006 ven promocionando esta tecnoloxía, a través de actividades en diferentes rexións de Portugal, así como en España ou Brasil.