Deputación de Lugo

Éxito do Barco Muralla na súa visita a Meira

Unhas 1.000 persoas achegáronse esta fin de semana ata a vila para desfrutar das actividades lúdicas do Barco coincidindo coa Festa da Malla, coa que tamén colabora a institución provincialEsta iniciativa de actividades lúdicas e informativas dirixidas a toda a familia pretende concienciar ós asistentes sobre a importancia do coidado e conservación do medio ambiente

Preto de 1000 persoas achegáronse esta fin de semana ata o emprazamento do Barco Muralla, ubicado nas inmediacións da Casa Consistorial de Meira, para desfrutar das actividades lúdicas e informativas propostas. O Barco Muralla, a aula turística-medioambiental da Deputación de Lugo, renovou deste xeito o éxito habitual, coincidindo neste caso coa XXII edición da tradicional Festa da Malla, evento co que tamén colabora a institución provincial. Esta celebración, declarada de Interese Turístico Galego, contou con exposicións de artesanía, maquinaria antiga e postos de venta de antigüidades e produtos autóctonos.

O Barco levou a cabo diversas actividades para públicos de todas as idades, tanto no interior como no exterior, xa que o bo tempo acompañou durante os días de celebración. Fóra situáronse os obradoiros de traballos manuais para nenas e nenos, así como un apartado de reciclaxe onde os máis pequenos puideron comezar a concienciarse na defensa do medio ambiente. No interior da embarcación, os asistentes puideron informarse sobre a diversidade ambiental da provincia nunha dotada de ordenadores portátiles e doutra na que se proxectou diferente material audiovisual elaborado polos técnicos e bolseiros da Fundación TIC, dependente da Deputación. Ademais, dous monitores guiaron en todo momento ós asistentes, que tamén dispuxeron de dípticos de información sobre as Reservas da Biosfera, así como de iniciativas empresariais ou formativas relacionadas co medio ambiente.

Dentro do programa Lug0₂
O Barco Muralla é unha iniciativa que se enmarca dentro do programa Lug0₂, da Área de Medio Ambiente, e que conta cun orzamento de máis de 120.000 euros, financiados nun 80% por fondos europeos. A Deputación de Lugo continúa apostando polo medio ambiente, unha importante oportunidade de negocio para os lucenses que, con iniciativas deste tipo poden aprender acerca da importancia de conservar o seu patrimonio natural e ds diferentes posibilidades de xerar riqueza dun xeito sostible, de aí o empeño do organismo provincial por amosar tódalas posibilidades da natureza de Lugo.