Deputación de Lugo

O Consorcio de Bombeiros dota de novo equipamento e material por valor de máis de 80.000 euros ó parque de Monforte

O Pleno tamén formalizou o convenio de colaboración con UNESPA mediante o que este colectivo aportará 700.000 euros ó ano para o funcionamento do ConsorcioO convenio asinado coa patronal das aseguradoras beneficiará a todos os lucenses, posto que mellorará o servizo; incrementará a protección e baixará as primas dos seguros

O Consorcio Provincial de Bombeiros celebrou este luns un novo Pleno ordinario, durante o que se aprobou a dotación de material de intervención e equipamento para o parque de Monforte de Lemos. O orzamento total ascende a máis de 80.000 euros, custe que ambas entidades asumirán ó 50%, e co que se adquirirá mobiliario e dotacións para as instalacións do parque, xunto con traxes de protección, equipación –coma a propia para realizar rescates en altura ou primeiros auxilios-, así coma todo tipo de ferramentas neesarias para os profesionais que prestan servizos nel.

O investimento total que o Consorcio destina ó parque da zona sur da provincia será duns 600.000 euros, similar ó realizado no caso dos outros cinco complexos existentes na provincia. Deste xeito, a esta nova inversión hai que sumar as aprobadas en anteriores Plenos do organismo, coma a achega de 90.000 euros destinada á realización de obras de melloras no parque da cidade do Cabe, ou 275.500 euros na compra dun camión BUL.

Álvaro Santos destacou que con esta dotación de material para o parque de Monforte –incorporado á rede provincial o pasado mes de outubro, algo máis tarde que os cinco restantes-, “a provincia conta cun parque dotado cunhas instalacións e material punteiros e de calidade”.

Redución das primas de seguros
O Pleno tamén acordou formalizar o convenio de colaboración con UNESPA (Gestora de Conciertos para la contribución a los servicios de Extinción de Incendios), mediante o cal este colectivo achegará 700.000 euros ó ano para o funcionamento dos seis parques comarcais postos en marcha na provincia de Lugo por Deputación e Xunta. Grazas a este convencio coa patronal das aseguradoras españolas, os veciños da provincia veranse beneficiados ó diminuír as primas nos seguros de incendios, xa que este aportación ó orzamento do Consorcio revertirá nunha mellora do servizo público e un incremento na protección.

Aforro para o Consorcio
Esta colaboración tamén permite que Deputación e Xunta se vexan beneficiadas, xa que poden reducir o gasto de cartos públicos no Orzamento do Consorcio, compensado grazas a esta aportación. Así, o Pleno deu conta das minoracións das aportacións no Orzamento, por valor de 350.000 euros, tendo en conta que cada unha delas participa ó 50%. O Orzamento do Consorcio para 2013 é de case 5 millóns de euros (4.768.218 euros), dos cales o 98,3% está destinado á xestión contraincendios nos parques de Barreiros, Viveiro, Vilalba, Chantada, Sarria e Monforte, sendo o 1,7% restante para custes de persoal.