Deputación de Lugo

A Deputación implanta gratis as Tics en 40 PEMES da Zona Sur con fondos da Unión Europea

O Deputado Miguel Ángel Sotuela presentou os resultados do estudo individualizado realizado ós participantes do que se extraen as súas necesidades formativas e de softwareO programa, pioneiro en Galicia, supón un aforro considerable para os participantes que reciben asesoramento, software e formación completamente gratisNa xornada tamén se escoitou o testemuño dos representantes de Granxa Maruxa, de Monterroso, que contaron como empregan as TICs como valor engadido na súa empresa

O Deputado Miguel Ángel Sotuela, participou este mércores nunha xornada informativa para as empresas da Zona Sur acollidas ó programa de asesoramento tecnolóxico Reacciona coas TICs da Deputación. Son 40 empresas de sectores moi diferentes que van dende o comercio minorista ata a construción ou o sector agricultura e apicultura. Hai entidades de Taboada, Chantada, Monforte de Lemos, Sober ou Pantón, entre outros municipios, e o seu número de traballadores varía desde un só ata preto de 20. A selección destas empresas foi por rigorosa orde de inscrición no programa aberto a todos os interesados da provincia.

O estudo pormenarizado deixa conclusións claras sobre as principais carencias detectadas nas empresas. Un 43% carece de web propia, o 78% non contan cunha web orientada ó comercio electrónico, o 76% non emprega sistemas avanzados de xestión de clientes, ou un 43% das empresas non dispón de certificado dixital, ente outros aspectos.

Vistas estas carencias, o programa comprende o asesoramento, formación e software necesario para optimizar o uso das novas tecnoloxías nos seus negocios. É unha iniciativa moi completa que tería un custe moi elevado se as empresas decidisen contratar pola súa conta estes servizos. A Deputación consigue xestionar estes servizos a un custe moi reducido para a administración, xa que implantará nas empresas software libre, que ademais non ten custes de mantemento, e ó formar ós participantes no programa para desenvolver eles mesmos as iniciativas tecnolóxicas. A institución provincial inviste nesta iniciativa máis de 200.000 euros que proveñen de Fondos Europeos co obxectivo de mellorar o rendemento empresarial destas entidades e recorda que PEMES e autónomos configuran o tecido económico da provincia xerando emprego e riqueza.

A cita, que se celebrou no Edificios Multiusos, compredía por unha banda a exposición dos resultados do estudo individual realizado ás empresas acollidas ó programa. A diagnose ratifica a necesidade de mellorar a formación e implantar ferramentas informáticas que melloren a súa competitividade. En función destes resultados, impartiranse nos vindeiros meses obradoiros formativos sobre marketing e redes sociais; o xeoposicionamento, o xeomarketing e os códigos QR; a fidelización de clientes con boletíns electrónicos de MailChimp; o aproveitamento da Web ou Blog empresarial; as opcións de Google Docs e outras ferramentas corporativas; e solucións varias para o almacenamento en nube, Dropbox, Google Drive.

Como parte do programa e para animar con resultados ás empresas que participan, a xornada incluíu tamén o testemuño dunha empresa que acadou o seu éxito grazas a aplicacións tecnolóxicas e que pretende servir de exemplo e inspiración para as firmas que participan no programa da Deputación. Granxa Maruxa é un exemplo na xestión das novas tecnoloxías por parte dunha empresa de ámbito tradicional, que recibiu numerosos premios pola calidade dos seus produtos e que emprega as Tics como plataforma para mellorar a súa xestión de marketing e comunicación.

Perfil das empresas participantes

En canto ó perfil das empresas participantes no proxecto da Deputación, o 82% ten menos de 10 empregados. Os sectores maioritarios son servizos cun 37,3% e Comercio cun 26%, seguidos por industria cun 13% e turismo un 8%. Complétanse as cifras co 6% de industria agroalimentaria e pesqueira, ou os 0,7% de arte e interiorismo, asesoría e transporte de mercadorías.

O plan da Deputación, financiado nun 80% por fondos europeos, pretende mellorar a competitividade das empresas lucenses a través do uso das novas tecnoloxías, buscando novas oportunidades de negocio a través da factura electrónica, comercio electrónico, mellora do posicionamento web, publicidade e marketing a través da Rede, banca electrónica, ferramentas de contabilidade e xestión de clientes e antivirus. Todas as aplicacións que se instalarán nas empresas participantes son de software libre, polo que non terán que pagar nada para a súa utilización e mantemento unha vez rematado o programa.