Deputación de Lugo

A Unión Europea volve premiar a xestión de fondos europeos da Deputación, cun novo investimento de 1,4 millóns de euros

A Deputación de Lugo é a entidade local de Galicia que máis fondos recibe no reparto de remanentes das axudas FEDER para 2007 que aprobou a Unión Europea e publicou o BOE O Presidente avanzou que “adicaremos este novo orzamento ó emprego, sumándose ós 25 millóns de euros de fondos europeos que estamos xestionando”Gómez Besteiro subliñou este “novo recoñecemento” da UE á xestión da Deputación, que xa foi a 5ª entidade local de España que máis fondos europeos acadou no 2011

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, adiantou este xoves que a Unión Europea volve premiar a xestión de fondos europeos da Deputación de Lugo, cun novo investimento de 1,4 millóns de euros, que se adicará á xeración de emprego na provincia, “a nosa máxima prioridade”. Gómez Besteiro subliñou que a concesión deste presuposto “é un novo recoñecemento da Unión Europea ó traballo desenvolto por este Goberno Provincial”, coas primeiras partes dos nosos programas Lug02, Innova-TE e Pacto Provincial polo Emprego ”. E é que en base ós resultados dos proxectos de desenvolvemento local e urbano das entidades locais, que acadaron axudas do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no 2007, a Unión Europea realizou o reparto dos remanentes de dita convocatoria. O Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas publicou no Boletín Oficial do Estado (BOE, 26 de agosto) a resolución deste reparto, no que se reflexa que á Deputación de Lugo lle correspondente 1.372.426 euros, sendo a entidade local de Galicia que máis remanentes recibe.

A reorientación das políticas da Deputación, apostando polo campo, o medioambiente e as novas tecnoloxías, para o desenvolvemento e o progreso da provincia, fixo posible que a institución luguesa captase máis de 20 millóns de euros da Unión Europea na convocatoria de fondos europeos para 2007. Con este orzamento, o organismo provincial puxo en marcha a Primeira parte do Lug02, con 7,2 millóns de euros; o Innova-TE 1, con 9 millóns de euros; e o I Pacto Provincial polo Emprego, con 4 millóns de euros. Estas programacións xeraron riqueza e crearon emprego en Lugo mediante, por exemplo, a primeira plataforma de comercio electrónico na provincia, as marcas de calidade para establecementos e produtos autóctonos, a inserción laboral de 700 desempregados con formación práctica sobre as profesións con máis futuro, a extensión da banda longa ou a implantación da administración electrónica.

Dobre recoñecemento

Non é a primeira vez que a Unión Europea premia a xestión de fondos europeos da Deputación de Lugo. Na última convocatoria de fondos comunitarios, no 2011, a Unión Europea converteu ó organismo provincial na 5ª entidade local de España que recibiu o maior investimento debido á ambición dos seus proxectos. Foron 25 millóns de euros, que supuxeron o 30% de todas as axudas europeas para Galicia, cos que a institución luguesa está a xerar máis riqueza e emprego coa Segunda parte de Lug02, dotado de 6,5 millóns de euros; o Innova-TE 2, con 14,7 millóns de euros; e o II Pacto Provincial polo Emprego, con 3,6 millóns de euros.