Deputación de Lugo

A Deputación impulsa o XXV Certame-Exposición de Gando Vacún de Pedrafita

O Deputado Provincial e Alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, e unha das organizadoras do evento Susana García, presentaron a 25ª edición do Certame-Exposición de Gando Vacún O ente provincial fai unha achega de 3.000 euros para financiar este certame gandeiro, referencia para o sector en toda a provincia

O Deputado Provincial e Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, e unha das organizadoras do certame, Susana García, presentaron esta mañá na Deputación a nova edición do Certame-Exposición de Gando Vacún que se celebra neste concello o vindeiro 15 de setembro e que chega á súa 25ª edición. José Luis Raposo salientou que “ esta feira move a moita xente e atrae a centos de persoas que se achegan ata Pedrafita e que en moitas ocasións realizan transaccións económicas importantes, que reforzan e activan a economía da zona”. O Deputado tamén subliñou que “ a Deputación comprometese con esta iniciativa xa que produce unha mellora significativa a nivel económico e comercial, mellorando a calidade de vida do rural e loitando contra o éxodo rural, que tanto castiga as nosas vilas e aldeas”

A influencia deste evento queda ratificada pola súa continuidade tras 24 anos celebrándose e polo seu poder de convocatoria na Montaña lucense, pois reúne unha media de 200-250 cabezas de gando todos os anos. O Alcalde destacou que a celebración “fai que no noso Concello conflúan veciños e visitantes procedentes de toda a xeografía galega, Asturias ou León, que aumentan o consumo nos negocios locais, creando riqueza para a vila. O balance, ano tras ano, é moi positivo”

Máis de 4.500 euros en premios

O Concello destina máis de 4.500 euros en premios para as mellores cabezas de gando, que serán entregados xunto cos correspondentes trofeos. Reses, tanto Rubia Galega como Asturiana, poderán tomar parte no certame, no que se valorará a conformación morfolóxica e potencial de carne e reprodución dos animais. Haberá premios ós mellores touros, vacas, novillos e novillas, que recibirán tamén unha choca e un colar. Tamén hai unha categoría para os xatos “carniceiros”, no que se terá en conta a calidade tanto da carne como a súa complexión.

Programación do Certame-Exposición

O Certame abre as súas portas ás 9:00 horas, coa recollida das credenciais do gando no Concello. Cara as 10:30 horas, darán comezo as votacións logo de observar detidamente as diferentes reses. Ás 11:30 horas haberá un pasarrúas e ás 12:00 horas arranca a poxa de becerras e novillas inscritas no libro xenealóxico da raza Rubia Galega. A Deputación de Lugo contribuirá tamén no certame aportando algunha das reses da Granxa Gayoso Castro. De seguido, ás 12:30 horas, comezará a actuación do grupo Xistra, naturais de Pedrafita do Cebreiro. Ás 14:00 horas chegará o momento dos premios, que se darán na praza do Concello. Ó remate, sobre ás 15:00 horas terá lugar o xantar oficial, que se estenderá ata ben entrada a tarde. Ás 21:00 horas esta programado o baile e verbena coa que se dará por concluída a xornada.