Deputación de Lugo

22 artistas imaxinaron Cantares Gallegos no CENTRAD o Domingo das Mozas

Todos os que se achegaron ó CENTRAD o 6 de outubro viron traballar en vivo ós artistas, que empregando diferentes técnicas elaboraron traballos inspirados no clásico galego A Deputación organizará unha exposición e publicará unha edición especial de Cantares Gallegos coas obras creadas por estes profesionais de toda GaliciaO CENTRAD organiza esta actividade o Domingo das Mozas, día tradicionalmente ligado a Rosalía e de especial afluencia de visitantes na cidade durante o San Froilán

Imaxinando Cantares Gallegos transformou por un día o Centro de Artesanía e Deseño nun espazo de creación compartido por un total de 22 artistas, que saíron dos seus estudos por un día para traballar baixo a atenta mirada do público. Todos eles compartiron tema de inspiración: os poemas de Rosalía de Castro. Estes profesionais desenvolveron o seu traballo nas instalacións do CENTRAD, que os visitantes puideron recorrer libremente para contemplar o seu proceso creativo. Cada un destes artistas, chegados de toda Galicia, ilustraron un poema de Cantares Gallegos , empregando técnicas como acrílicos, guasch, ou gravado, entre outras.

As instalacións do CENTRAD tamén foron inspiración xa que os obradoiros do traxe, do libro e dos instrumentos, foron algúns dos lugares de traballo. Esta actividade cumpriu así, un dobre obxectivo: por unha banda, a xente que se achegou ata o CENTRAD puido coñecer máis polo miúdo o traballo dos artistas e, por outra, aprender un pouco máis dos diferentes obradoiros existentes no CENTRAD.

Coas obras resultantes o centro organizará unha exposición e editará unha edición moi especial de Cantares Gallegos que recollerá nas súas páxinas toda a creatividade dos artistas.

O institución escolleu o día 6 de outubro, o tradicional Domingo das Mozas, para celebrar esta iniciativa por varios motivos. En primeiro lugar, por ser unha data tradicionalmente ligada a inmortal escritora, e por ser un dos días de maior afluencia en Lugo de xentes chegadas de toda a xeografía española, durante as datas de celebración do San Froilán, festa de Interese Turístico Nacional.