Deputación de Lugo

170 expertos micolóxicos internacionais reúnense hoxe en Lugo nun encontro co que colabora a Deputación

Imaxe deputación de lugo
Sonsoles López Izquierdo inaugurou o VII Encontro Micolóxico do Arco Atlántico que dará a coñecer entre os participantes procedentes de 4 países a diversidade micolóxica lucenseO programa de actividades, cun elevado nivel científico, inclúe saídas ó campo, análise de exemplares e conferencias de reputados especialistas abertas ó público O organismo provincial organizou rutas para que os asistentes coñezan a riqueza natural lucense e a Fundación TIC cubrirá mediáticamente o evento para a súa difusión

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, acompañada do Presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso, inaugurou este xoves o VII Encontro Internacional de Micoloxía do Arco Atlántico. O evento, de carácter científico achegará a Lugo, durante os días 1, 2 e 3 de novembro a máis de 170 expertos procedentes de toda a xeografía española, así como de Portugal, Francia e Italia.

Trátase dun evento de carácter científico que dará a coñecer a riqueza micolóxica da provincia entre os participantes e porá en valor a biodiversidade lucense. A programación do encontro desenvolverase no Hotel Torre de Núñez, ubicado na capital da provincia. Nela inclúense saídas de campo para recoller exemplares por espazos naturais que se analizarán posteriormente nas salas científicas habilitadas ó efecto e conferencias gratuítas e abertas ó público de reputados expertos internacionais como Patrice Lainé, Agustín Caballero ou Josep Piqueras. A Deputación tamén colabora na organización de rutas pola provincia nas que os asistentes coñecerán lugares como A Mariña, A Ribeira Sacra ou o casco histórico da capital lucense, promocionando a riqueza natural e o patrimonio medioambiental da provincia entre os visitantes estranxeiros.

A Fundación TIC, dependente da Deputación, tamén presta a súa colaboración ós organizadores do evento coa elaboración de diferente material audiovisual coas gravacións que realizarán bolseiros e alumnos da Escola de Imaxe e Son. Este material será posteriormente distribuído entre medios de comunicación nacionais e internacionais. A Fundación TIC colabora dende hai anos con esta Sociedade dando a coñecer as súas actividades de posta en valor da riqueza micolóxica lucense. Ó mesmo tempo, os alumnos da EIS realizan estes traballos como prácticas profesionais mellorando a súa preparación para o mundo laboral.

Mostra fotográfica

O Hotel Torre de Núñez acolle, durante a celebración do encontro, a mostra Terras do Miño, Reserva da Biosfera da Área de Medio Ambiente da Deputación, na que se amosa a biodiversidade deste territorio. Os paneis, situados nos salóns empregados para o encontro, inclúen información e fotografías sobre os hábitats, fauna e flora deste territorio.

Encontros paralelos

O VII Encontro de Micoloxía do Arco Atlántico inclúe a celebración paralela do III Encontro do Grupo de Hongos Hipogeos e a Reunión de Outono do Grupo Iberoinsular de Cortinariólogos. Os fungos Hipogeos son exemplares subterráneos e os especialistas na súa recollida empregan cans adestrados. Na celebración desta cita achegaranse ata Lugo algúns dos mellores rastreadores internacionais. Os cortinariólogos son expertos no xénero Cortinarius un dos máis amplos e complexos do mundo dos fungos, o que da mostra do elevado nivel científico da reunión.