Deputación de Lugo

A Deputación dota de servizos básicos a 800 veciños de Bretoña, aforrando máis de 51.000 euros ó Concello da Pastoriza

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos supervisou a instalación dunha zona verde e parque infantil, dotados cun orzamento de máis de 51.000 euros cofinanciado nun 80% pola Unión EuropeaAs actuacións consistiron no acondicionamento dunha superficie de 150 m2 na que se instalaron elementos de ocio para nenos

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, supervisou hoxe as actuacións que a institución provincial levou a cabo en Bretoña, no Concello da Pastoriza, para a habilitación dun novo espazo verde destinado a parque medioambiental e zona de ocio infantil, co que a Deputación mellora os servizos básicos e dota de novas prestacións públicas ós 800 veciños desta parroquia. Estas novas instalacións contaron cun orzamento de máis de 51.000 euros –cofinanciados nun 80% por fondos europeos-, cartos que a institución provincial aforrou ó Concello.

Santos Ramos destacou a importancia de asegurar a prestación de servizos ós veciños, “de xeito que corrixamos as desigualdades entre os lucenses que viven nas cidades e os que o fan no rural, reivindicando a vida no campo e loitando contra o despoboamento no rural”. O mellor xeito de facelo “é cooperando directamente cos Concellos, un dos nosos compromisos máis firmes”

Pola súa banda, Primitivo Iglesias, quixo agradecer a colaboración da Deputación para que o Concello conte con máis servizos para veciños de todas as idades, especialmente para aqueles que viven no rural.

As instalacións ocupan unha superficie de 150 m2, con pavimento e peche especialmente deseñados para parques infantís, na que se dispuxeron unha serie de elementos de xogo e ocio para os pequenos, ademais de zonas verdes, recuperando deste xeito esta zona, próxima ó teleclub de Bretoña, para que poidan ser empregada por veciños de todas as idades.