Deputación de Lugo

A Deputación formará gratis a outros 400 lucenses no sector agropecuario e forestal con fondos europeos

Farao con 16 novos cursos e seminarios do Fórmate en Verde, o plan que crea emprego e fixa poboación no rural, para os que está aberta a inscrición en www.deputacionlugo.org500 lucenses, que se beneficiaron de 36 accións formativas desta programación, recibirán a partires de setembro asesoramento técnico para crear ou reconverter as súas empresas http://www.planintegralgandeiro.infohttp://www.planintegralagricola.infohttp://www.planintegralforestal.info

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou este venres a posta en marcha en setembro de 16 novos cursos e seminarios sobre agricultura e gandeiría ecolóxica, e o sector forestal, no que poderán participar, de xeito totalmente gratuíto, 400 lucenses. Estes recibirán formación e asesoramento técnico, ademais de realizar prácticas reais en negocios consolidados co obxectivo de crear ou reconverter as súas empresas. O prazo de inscrición para estas accións formativas xa está aberto en www.deputacionlugo.org.

Martínez salientou que estas novas actividades enmárcanse no Fórmate en Verde, o plan da Deputación que crea emprego e fixa poboación no rural, financiado nun 80% pola Unión Europea. Ata o momento, a institución celebrou 36 cursos e seminarios mediante esta programación. Concretamente, foron 16 actividades sobre agricultura ecolóxica, que tiveron lugar en Monforte, Chantada, Ribadeo e Vilalba; 12 sobre gandeiría ecolóxica na Granxa Gayoso Castro, e 8 sobre o sector forestal en Viveiro, Foz, Lourenzá, Trabada, Guitiriz, Monforte, Castroverde e Sarria. 500 lucenses beneficiaronse a custe cero destas iniciativas e xa recibiron formación e realizaron prácticas. En setembro, comezarán co asesoramento técnico para a posta en marcha ou reconversión dos seus negocios.

A Deputacion levará as novas 16 novas accións formativas por toda a provincia, aínda que terá en conta o peso de cada rama obxeto do programa nas diferentes comarcas. Por este motivo, as accións formativas sobre o sector forestal prevalecerán na Mariña, onde se concentra o 30% das empresas vinculadas á madeira; as actuacións sobre gandeiría ecolóxica celebraranse, principalmente, no centro e Montaña luguesa, xa que os municipios destas zonas contan con entre 400 e 1.000 explotacións. O centro referencial destas iniciativas será a Granxa Gayoso Castro. Polo que respecta á agricultura ecolóxica, as novas accións desenvolveranse na zona Sur, tendo en conta que nas comarcas de Chantada ou Lemos a superficie adicado ó cultivo é de entre o 30 e o 50%. Ademais, Monforte acolle a sede do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). Neste caso, o Pazo de Tor será o centro de referencia.