Deputación de Lugo

A Deputación aforra 180.000 euros a Cervantes, Pol e Samos co seu Plan Enerxético

Faino ó asumir a totalidade de custes desta iniciativa, a diferenza de plan semellantes doutras administracións como a Xunta que obriga ós municipios a pagar o 30% Son 37 os Concellos que, de xeito voluntario, se sumaron ó Plan Enerxético da Deputación

A Deputación está a instalar novo material enerxético en Cervantes, Pol e Samos mediante o seu Plan, co que aforra a estes Concellos 180.000 euros. Faino ó asumir a totalidade dos custes desta iniciativa, a diferenza de plans semellantes doutras administracións, como a Xunta de Galicia que obriga ás entidades locais a achegar o 30% do orzamento necesario.

Este aforro distribúese do seguinte xeito: 30.000 euros, ó asumir as auditorías enerxéticas, que levaron a cabo os técnicos da Axencia Provincial da Enerxía da Deputación; 110.000 euros, coa compra e instalación do equipamento enerxético; e 40.000 euros, que é a cantidade na que estes municipios verán reducida as súas facturas anuais pola luz.

O organismo provincial instala máis de 1.500 novos compoñentes nos Consistorios e alumeados públicos de ditos tres Concellos, así como no colexio público de Pol e no centro de saúde de Samos. Trátanse de lámpadas de baixo consumo, balastros electrónicos, descargadores de sobretensión ou reloxos astronómicos. Concretamente, son 568 os compoñentes para Cervantes, 617 para Pol e 368 para Samos. Con este material Cervantes reducirá ó ano a súa factura eléctrica en 8.700 euros; Pol en 18.600 euros e Samos en 12.000 euros.

Ademais dos beneficios económicos, a iniciativa do organismo provincial implica importantes beneficios medioambientais. Este equipamento evitará a emisión anual de 69 toneladas de CO2 cada ano, é dicir o equivalente ó gasto eléctrico anual de 55 familias, o consumo de 275 barrís de petróleo, ou a plantación de máis de 3.400 árbores.

37 Concellos

Son 37 os Concellos da provincia que, de xeito voluntario, se sumaron o Plan Enerxético da Deputación. O organismo provincial rematou coa instalación dos compoñentes enerxéticos en Abadín, O Incio e A Fonsagrada. Progresivamente, unha vez finalizados os traballos en Pol, Cervantes e Samos, a institución levará a cabo estes traballos nos restantes municipios: Pedrafita do Cebreiro, Negueira de Muñiz, Barreiros, Rábade, A Pontenova, Baralla, O Valadouro, Navia de Suarna, A Pastoriza, Meira, Becerreá, Viveiro, Riotorto, Ribas de Sil, Guntín, Monterroso, Láncara, Trabada, O Vicedo, A Pobra de Brollón, Ribadeo, Monforte, Guitiriz, Portomarín, Sarria, Palas de Rei, Xove, Sober, Quiroga, Friol e Castroverde.