Deputación de Lugo

Gómez Besteiro: 'O reto do modelo cooperativo pasa por unha xestión profesional e Alimentos Lácteos é un triste exemplo do contrario'

O Salón de Actos de San Marcos acolleu o terceiro debate de Galicia en clave económica no que Francisco Sineiro, Higinio Mougán e Eladio Rigueira analizaron os retos do sector agroalimentario galegoO Presidente inaugurou o encontro avogando polo cooperativismo como “modelo de fortaleza, non só económica, senón tamén social”, con capacidade de “xerar emprego directo nos lugares onde se establecen, o que convirte en “motores do desenvolvemento rural”Os poñentes destacaron o peso das cooperativas no tecido económico galego, o custe que supón o desaproveitamento de superficie cultivable e a necesidade de reorganizar o sector para facer fronte á volatilidade dos prezos e á globalización e compartiron

O ciclo de debates Galicia en clave económica, organizado pola Deputación de Lugo e Economía Digital, continuou este mércores co terceiro dos cinco encontros programados. Nesta ocasión, os expertos participantes Francisco Sineiro, profesor titular de Economía e Política Agraria na Escola Politécnica Superior de Lugo; Higinio Mougán, Director xerente de AGACA, e Eladio Rigueira, Director xeral de Casa Macán, analizaron a actualidade do sector agroalimentario galego e os seus principais retos de cara ó futuro á luz dos seus coñecementos e experiencia persoal.

Na intervención inaugural, o Presidente provincial alabou o modelo cooperativo por ser “modelo de fortaleza, non só económica, senón tamén social”. Gómez Besteiro destacou que as cooperativas, que xeran preto de 20.000 postos de traballo en Galicia –o 1,78% da poboación ocupada-, engadindo que dende o inicio da crise socioeconómica en España produciuse unha lixeira redución no número de cooperativas pero incrementouse, pola contra, o seu número de traballadores. É un dato revelador que pon de manifesto que o cooperativismo é “exemplo indiscutible da trascendencia da forza do traballo, da clave humana como factor de eficacia e eficiencia económica, así como de crecemento social e persoal”, e subliñou o apego ó territorio das cooperativas galegas, o que as convirte en motores do desenvolvemento rural, un “valor incalculable nun país como o noso, onde o 80% do rural está a producir”

O máximo responsable provincial avogou por un cooperativismo que encare o seu futuro afrontando retos como a superación das barreiras dos mercados tradicionais; o aumento da produción ecolóxica, cuxo valor “xa medrou un 4.000 por cento na última década”, ou polo maior aproveitamento das novas tecnoloxías, poñendo como exemplo a plataforma de comercio electrónico Losproductosdelugo.com, posta en marcha polo organismo lugués. “O que é innegable é que “o reto do modelo cooperativo pasa por unha xestión profesional que aproveite as capacidades produtivas de xeito racional”, subliñou.

A mala xestión de Alimentos Lácteos

Gómez Besteiro destacou a trascedencia dunha xestión eficaz da cooperativa, por que “en caso contrario, calquera proxecto está destinado a morrer”. Puxo como exemplo o peche de Alimentos Lácteos, ó que definiu como “a crónica dunha morte anunciada”, logo de que o Goberno de Núñez Feijóo desoira as voces, entre as que estaba as da propia Deputación de Lugo, que apostaban por poñer en marcha un proxecto que uniría a 24 cooperativas empregando a capacidade total de produción da planta. A “gran unión do cooperativismo galego” foi rexeitada unilateralmente pola Xunta de Galicia, que desaproveitou as oportunidades que ofrecía a fábrica leiteira máis moderna de Galicia; que supuxo o soterramento de 6 millóns de euros de cartos públicos e que afectou a máis de 1.000 familias. “Desgraciadamente, non quixeron escoitarnos e agora serán os tribunais os que pronuncien a última palabra”

As claves dos expertos

Os poñentes que formaron parte na mesa redonda coincidiron en destacar o peso das cooperativas no tecido económico galego. Francisco Sineiro fixo, ademais, fincapé no despilfarro que supón que dous tercios do total de superficie cultivable de Galicia estea desaproveitada, o que provoca graves limitacións na actividade económica e aumenta considerablemente os custes de mantemento

Pola súa banda, Higinio Mougán insistiu na necesidade de crear ferramentas para xestionar os prezos, e a necesidade de organizar o sector para facer fronte á volatilidade dos prezos e á globalización.

Eladio Rigueira presentou o seu proxecto, Casa Macán, e analizou dende a súa experiencia persoal, a situación do sector a nivel galego, nacional e internacional.