Deputación de Lugo

O CENTRAD pechou este venres con música e zonchos os actos do 150 aniversario de Cantares Gallegos

Regina Polín presentou o catálogo da exposición Terra e papel, que se clausura hoxe e na que o artista lucense Fonso Castro homenaxeou ó clásico galegoCelebrouse un obradoiro de zonchos, contacontos e un recital de poesía dedicado á autora galega

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, pechou este venres no Centro de Artesanía e Deseño, os actos do 150 aniversario de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. A xornada incluíu un contacontos e un obradoiro de zonchos (a pela da castaña) da man de Anxo Moure. A cantante Pilocha puxo a nota musical cun recital de poesía de Cantares Gallegos, acompañada dun chelista. Na sala de exposicións da Capela de Santa María presentouse o catálogo Terra e Papel, da mostra de Fonso Castro que se clausurou esta tarde e que acadou un notable éxito de público e crítica. Os seus traballos son unha homenaxe ó libro Cantares Gallegos con pezas de encadernación artística nas que emprega diferentes técnicas.

Os actos remataron cun magosto no que colaborou a Escola de Hostelería de Rosende e o grupo de gaitas Airiños do Neira.

Esta actividade pecha os actos organizados polo CENTRAD con motivo do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. O domingo das mozas, o 6 de outubro, 22 artistas ilustraron con diferentes técnicas poemas da autora galega nunha actividade aberta ó público e da que se publicará próximamente o resultado nunha edición especial da obra homenaxeada.